Amosando publicacións coa etiqueta The Cure. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta The Cure. Amosar todas as publicacións

martes, 1 de marzo de 2016

Lullaby

O oitavo álbum de The Cure, Desintegration (1989), vén marcado especialmente polo single de presentación, o fermoso tema "Lullaby", que pronto se converteu nun clásico na discografía da banda de Robert Smith.Como ben indica o seu nome en inglés, lullaby é unha nana, unha canción de berce, e co ritmo característico deste tipo de cancións, The Cure constrúe unha composición que transporta ó oínte cara a un mundo desacougante no que parecen primar os pesadelos infantís, o que levou a unha parte da crítica a interpretar o significado da canción como o reflexo da dura etapa na que Robert Smith caeu nas drogas.


Como a melodía de "Lullaby" é bastante tentadora para os músicos nunha fase de falta de creatividade, son moitas as cancións que recorren o seu son para completarse, especialmente na escena do hip hop e da electrónica. Polo menos Just Jack reformou os arranxos de "Lullaby" na súa canción "Snowflakes", do álbum The Outer Marker (2002), de tal xeito que apenas se nota a referencia a The Cure.


Faithless, en cambio, limítase a enxertar unha parte enteira de "Lullaby" na canción "Spiders, Crocodiles and Kriptonite", do álbum To All New Arrivals (2006). En realidade, ese anaco é unha pequena versión de "Lullaby" na que o grupo inglés puido contar coa participación de Robert Smith.

mércores, 25 de marzo de 2015

In the Name of the Father

O britpop, esa corrente de boa música que asolagou o planeta desde Reino Unido nos noventa, deixounos na memoria unha machea de bandas que vinte anos despois forman parte da historia: Oasis, Blur, Suede, Pulp, The Verve... e con todo, non todas sobreviviron a esa etapa marabillosa e quedaron polo camiño antes de que a crítica certificase a fin do britpop. Black Grape publicou dous discos entre 1995 e 1998 con moi boas críticas, pero este proxecto que puxeron en marcha os antigos membros de Happy Mondays, Shaun Ryder e Bez non tivo continuidade. O álbum co que debutaron It's Great When You're Straight... Yeah (1995) aínda ten un son actual, coa influencia do rap que caracterizou a Black Grape, que se reflicten en cancións como "In the Name of the Father".


Con esas coincidencias caprichosas que se dan na música cando os compositores non o buscan, os primeiros acordes de "Just Say Yes", a canción que pecha o álbum de grandes éxitos de The Cure, Greatest Hits (2001), unha das dúas inéditas dese disco, teñen unha lixeira reminiscencia de "In the Name of the Father", ou polo menos é difícil empezar a escoitala sen acordarse da de Black Grape.

mércores, 11 de febreiro de 2015

Dreams Never End

New Order xurdiu das cinzas de Joy Division, que se disolvera tralo suicidio de Ian Curtis en 1980. Aínda rotos pola dor de perder ó seu amigo e compañeiro de andanzas musicais, Bernard Sumner, Peter Hook e Stephen Morris comezaron un novo proxecto xunto con Gillian Gilbert, e en 1981 sacaban á luz o primeiro disco de New Order, Movement (1981), con múltiples referencias a Ian Curtis. Trátase polo tanto dun álbum catártico co que os membros da banda intentaban asimilar o tráxico suceso e ó mesmo tempo, servía de homenaxe ó malogrado músico, que antes de converterse nun mito, xa deixara patente a súa xenialidade con Joy Division. O disco estréase con "Dreams Never End", cantada por Sumner, que finalmente asumiría o papel de líder, máis por que a súa voz era moi diferente da de Curtis que por convicción propia e do resto dos membros. Había que deixar claro que a nova banda non era unha reconversión de Joy Division.


Xa temos visto algunha vez a forte influencia que a música de New Order exerceu na de The Cure, e neste caso, "Dreams Never End" foi fundamental na composición de "In Between Days", tema de The Head on the Door (1985).

martes, 2 de decembro de 2014

The Love Cats

Blink-182, a banda de californiana de pop punk, non se diferencia moito de calquera outra banda cun son parecido e é posible que dentro de cincuenta anos non sexa especialmente recordada polas súas cancións, pero o trío composto por Tom DeLonge, Mark Hoppus e Travis Barker nunca ocultaron a súa admiración por bandas coma The Cure, que en principio, semellan non ter moito que ver coa proposta musical dos californianos. E non obstante, teñen máis en común do que a simple vista dá a entender a discografía de cada unha das bandas. Ambas teñen de referencia "Another Girl, Another Planet", a canción de The Only Ones; Blink-182 versionouna e The Cure inspirouse nela en "Just Like Heaven". Pero onde mellor se concretou esa aproximación foi no álbum epónimo de Blink-182 editado en 2003. Para os rapaces de Blink-182, a canción "The Love Cats", pertencente a Japanese Whispers (1983), foi decisiva na composición de dúas das cancións do álbum.


"I Miss You", o segundo single de Blink-182, está considerada por moitos a mellor canción da banda, a pesar de que non se trata dunha canción punk como as habituais na discografía deste trío.Os membros de Blink-182 aseguraron que se inspiraron en "The Love Cats", malia que non se parecen gran cousa, quizais debido a que en "The Love Cats" predomina a melodía dos teclados, algo do que prescindiron en "I Miss You".


O mesmo ocorrre en "All of This", na que tampouco se aprecian grandes semellanzas con "The Love Cats", pero nesta ocasión o achegamento ó son de The Cure é máis que evidente; Blink-182 contaron coa colaboración de Robert Smith, que interpreta o tema xunto con Blink-182. Iso si, parece unha segunda parte de "I Miss You".

http://youtu.be/VnO5V8J1Ejg

luns, 17 de marzo de 2014

10:15 Saturday Night

Ó longo dos anos 70 o rock continuou diverxendo en novos xéneros e tendencias que a finais desa década a oferta musical era tan variada que a crítica comezou a empregar unha serie de etiquetas para nomear ós distintos estilos que ían aparecendo. Unha delas foi a de rock gótico, coa que se designou a unha nova fornada de bandas rock cunha estética inconfundible e cun son moi escuro. Dentro desta tendencia ocupa un lugar destacado The Cure, a banda formada por Robert Smith. Cando apenas se falaba de rock gótico, The Cure debutaba en 1979 con Three Imaginary Boys, que sorprendeu á crítica polo seu son post punk. Claro que daquela The Cure aínda non perfilara o estilo que os habería de converter en referente unha década despois, pero xa deixaba intuír o potencial do que eran capaces de chegar. O curioso dese primeiro álbum de longa duración é que non inclúe ningún dos singles con que The Cure se estaban a promocionar, pero nel aparecen cancións coma "10:15 Saturday Night".

http://youtu.be/okiCApJeonQ

A pesar de ser unha das cancións menos coñecidas de The Cure, "10:15 Saturday Night" foi elixida por Massive Attack como base do seu tema "Man Next Door" no álbum Mezzanine (1998) e que tamén reproduce o famoso son da versión que Led Zeppelin fixo de "When the Levee Breaks", tema que xa vimos no seu momento.

http://youtu.be/S71_vIMQ0YY

mércores, 8 de xaneiro de 2014

All the Way

Como unha das bandas de referencia dos anos 80, New Order era un proxecto máis que consolidado cando publicaron o quinto disco Technique (1989), un traballo que a diferenza dos antecesores, afondaba nos sons dance que ían marcar a década seguinte, sen renunciar á personalidade que New Order se fora forzando dende as súas orixes. Deste modo, Technique converteuse no álbum máis exitoso na carreira de New Order, que aínda logrou rabuñar uns feixes de novos fans. "All the Way", o segundo corte dese disco, non foi elixido como single e nin sequera se pode dicir que sexa das mellores cancións, mais o seu son é un resume perfecto do son dos anos 80, alegre e sofisticada a un tempo.


Moitos sinalan o gran parecido que existe entre esta canción de New Order e a de The Cure "Friday I'm  in Love", sobre todo no son do baixo. Pertencente a Wish (1992), o noveno disco da banda de Robert Smith, "Friday I'm in Love" é das cancións máis luminosas da carreira de The Cure.

martes, 22 de xaneiro de 2013

Let's Go to Bed

A andaina de The Cure comezou a finais dos anos 70 coa publicación duns cantos singles antes de lanzar ó mercado discográfico dous discos de longa duración como Seven Seconds (1980) e Faith (1981). Antes de averuntarse co terceiro LP, que vería a luz tres anos despois, a banda de Robert Smith seguiu sacando singles soltos que finalmente non se incluirían en The Top (1984), pero que aparecerían en discos recompilatorios. "Let's Go to Bed", editado en 1982, aparecería por primeira vez no recompilatorio Japanese Whispers, de 1983.


Malia non ser unha das cancións de The Cure máis recordadas, "Let's Go to Bed" resucitou hai uns anos en forma de sample nun dos famosísimos temas de Rihanna "S&M", do álbum Load, que a cantante de Barbados publicou en 2011.

venres, 11 de maio de 2012

Another Girl, Another Planet

The Only Ones, a banda británica comandada por Peter Perret dende 1976, tivo un éxito fulgurante coa publicación do seu primeiro disco en 1978 que levaba o mesmo nome da banda. A canción que os habería de encumbrar é o corte dous "Another Girl, Another Planet", que posteriormente tería versións de grupos como Lightning Seeds, Belle & Sebastian e Blink 182.


Sen ser  unha versión e sen ter sequera un parecido moi acusado, Robert Smith, o líder de The Cure, atopou bastantes semellanzas na estrutura da canción de The Only Ones e "Just Like Heaven", canción de The Cure do álbum Kiss Me, Kiss Me, Kiss Me (1987) e outro dos clásicos da banda que tamén contaría con versións destacadas coma a de Dinosaur Jr.