O oitavo álbum de The Cure, Desintegration (1989), vén marcado especialmente polo single de presentación, o fermoso tema "Lullaby", que pronto se converteu nun clásico na discografía da banda de Robert Smith.Como ben indica o seu nome en inglés, lullaby é unha nana, unha canción de berce, e co ritmo característico deste tipo de cancións, The Cure constrúe unha composición que transporta ó oínte cara a un mundo desacougante no que parecen primar os pesadelos infantís, o que levou a unha parte da crítica a interpretar o significado da canción como o reflexo da dura etapa na que Robert Smith caeu nas drogas.
Como a melodía de "Lullaby" é bastante tentadora para os músicos nunha fase de falta de creatividade, son moitas as cancións que recorren o seu son para completarse, especialmente na escena do hip hop e da electrónica. Polo menos Just Jack reformou os arranxos de "Lullaby" na súa canción "Snowflakes", do álbum The Outer Marker (2002), de tal xeito que apenas se nota a referencia a The Cure.
Faithless, en cambio, limítase a enxertar unha parte enteira de "Lullaby" na canción "Spiders, Crocodiles and Kriptonite", do álbum To All New Arrivals (2006). En realidade, ese anaco é unha pequena versión de "Lullaby" na que o grupo inglés puido contar coa participación de Robert Smith.
Ningún comentario:
Publicar un comentario