xoves, 17 de marzo de 2016

Summer Sixteen

O canadense Drake estreou este ano a presentación dun novo álbum que xa é o cuarto na carreira deste rapeiro. Views from the 6 (2016) preséntase con cancións coma "Summer Sixteen", no que Drake deixa claro que a súa voz é unha das máis importantes que xurdiron nos últimos anos na escena do R&B. "Summer Sixteen" ten todas as características propias do seu xénero, que consisten basicamente en introducir elementos de cancións alleas para formar unha máis ou menos orixinal. Malia que moitas veces isto pode considerarse unha eiva para un tema novo dependendo de como vaian ensambladas as pezas, a nova canción de Drake salva as dificultades deixando un bo sabor de boca, ó que contribúe o talento deste rapeiro.


Entre os produtores do novo álbum de Drake atópase Brian Bennett, antigo membro de The Shadows, quen logo desenvolveu a súa propia carreira en solitario, sobre todo escribindo música para bandas sonoras. A súa canción "Glass Tubes" (1975) sérvelle de apoio á "Summer Sixteen" formando un dos tres piares do tema de Drake.


Tamén o grupo de gospelThe Winans traballaron na produción da canción de Drake. A súa contribución está sobre todo na achega que lle fan do seu propio tema, "The Question Is".


Pero o sample que máis se deixa notar desde a primeira nota de "Summer Sixteen" é o sacado da canción de M83 "Midnight City", do seu celebrado álbum Hurry Up, We're Dreaming (2011). A canción do músico francés ensambla tódalas pezas que compoñen "Summer Sixteen" dándolle un carácter unitario.

Ningún comentario:

Publicar un comentario