Amosando publicacións coa etiqueta Stone Temple Pilots. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Stone Temple Pilots. Amosar todas as publicacións

martes, 11 de marzo de 2014

Lost in the City

O heavy metal e o hard rock sempre tiveron unha gran acollida en Finlandia, onde boa parte das súas bandas máis recoñecidas internacionalmente se dedican a algún destes xéneros do rock. Se nos últimos anos nomes coma Lordi, H.IM. e Nightwish se fixeron habituais entre os seareiros da fracción máis dura do rock, cómpre recordar que antes deles o heavy metal finlandés xa se fixera cun lugar destacado grazas a pioneiros coma Hanoi Rocks, que desde finais dos anos 70, serviron de referencia para outras bandas, logo tan aclamadas coma os Guns N' Roses. Se houbo un tema de Hanoi Rocks que de verdade cativou a Axl Rose, Slash, Izzy Stradlin, Andy McCoy e os demais membros da banda anxelina, ese foi "Lost in the City", que se inclúe no disco de debut de Hanoi Rocks Bangkok Shocks, Saigon Shakes, Hanoi Rocks (1981). 


"Lost in the City" revive dalgún xeito nunha das grandes cancións de Guns N' Roses "Paradise City", pertencente ó disco de debut Appetite for Destruction (1987). Os riffs da guitarras teñen unha lixeira semellanza e Andy McCoy admitiu en máis dunha ocasión a influencia que recibiron de Hanoi Rocks.

http://youtu.be/GHEUsGhUtgg

E ese recordo persistiu nos membros de Guns N' Roses, mesmo despois da separación da banda. Por exemplo, en Velvet Revolver, supergrupo que formaron Slash, Matt Sorum, Duff McKagan, ex integrantes de Guns N' Roses, xunto con Dave Kushner, de Wasted Youth, e o líder de Stone Temple Pilots Scott Weiland, o rastro de Hanoi Rocks pode apreciarse na canción "Do It for the Kids", que pertence ó debut Contraband (2004).

http://youtu.be/YdgpTBhWz2E

Por outro lado, Izzy Stradlin, que deixara Guns N' Roses a comezos dos 90 para principiar unha carreira en solitario, tamén revive o son de Hanoi Rocks na canción "Bomb", que abre o sexto disco do guitarrista, Like a Dog (2005).

http://youtu.be/MqIUAkYwJL0

venres, 23 de novembro de 2012

In the Light

Os eternos Led Zeppelin deixaron notas, riffs electrizantes de guitarra, que se perpetuaron en case todos os seus seguidores que se dedicaron a seguir os pasos de Jimmy Page, Robert Plant, John Bonham e John Paul Jones. Unha desas cancións cun riff que serviu de inspiración para temas posteriores é "In the Light", do sexto álbum de Led Zeppelin Physical Graffiti (1975).


Por exemplo, un riff parecido é o de Danzing na canción "Snakes of Christ", que aparece no segundo álbum da banda de Nova Jersey Danzing II: Lucifuge (1990), que como toda boa banda de heavy metal ten a Led Zeppelin como referente.


Tamén é bastante recoñecible o riff de guitarra de "Sex Type Thing", un dos primeiros temas de Stone Temple Pilots, presentes no seu álbum de debut Core (1992). Segundo Dean DeLeo, o guitarrista da banda, está inspirado en Led Zeppelin, pero moitos críticos apuntan a que está sacado directamente da canción de Danzing, que por outra parte como xa vimos, soa moito a Led Zeppelin.


Pero o propio riff de guitarra de "Sex Type Thing" tamén inspirou novos temas como "This Is Heavy Metal", de Lordi, o grupo finés que tanta sona acadou por gañar Eurovisión en 2006. "This Is Heavy Metal" é unha das canción do álbum Babez for Breakfast (2010).

mércores, 16 de maio de 2012

I Got a Name

Jim Croce non tivo unha carreira moi longa. Por desgraza, a súa morte, en estrañas circunstancias, privounos dun compositor que lograra facerse un oco no panorama musical americano entre os anos 60 e 70 en plena efervescencia da música pop e rock e que a traxedia levou por diante como a outros  artistas tan novos coma Janis Joplin, Jimi Hendrix e Jim Morrison, entre outros. En decembro de 1973 publicábase o seu disco póstumo I Got a Name, tan só tres meses despois do seu pasamento e que sería o quinto na traxectoria deste cantautor que nos deixou con só trinta anos. Nese álbum a canción que lle dá título contén un riff que haberíamos de encontrar posteriormente.



E sería vinte anos despois, en 1994, cando o grunge estaba no seu apoxeo. A banda de San Diego, Stone Temple Pilots, liderada por Scott Weiland, publicaba o seu  segundo disco Purple que os catapultaría á fama en todo o planeta, grazas a cancións como "Interstate Love Song", o segundo single, onde moitos viron que o riff de guitarra que se empregaba neste tema era moi semellante ó de Jim Croce. En calquera caso, coma sempre, sexa cal sexa o grao de semellanza, podemos desfrutar de dúas boas cancións.