martes, 11 de marzo de 2014

Lost in the City

O heavy metal e o hard rock sempre tiveron unha gran acollida en Finlandia, onde boa parte das súas bandas máis recoñecidas internacionalmente se dedican a algún destes xéneros do rock. Se nos últimos anos nomes coma Lordi, H.IM. e Nightwish se fixeron habituais entre os seareiros da fracción máis dura do rock, cómpre recordar que antes deles o heavy metal finlandés xa se fixera cun lugar destacado grazas a pioneiros coma Hanoi Rocks, que desde finais dos anos 70, serviron de referencia para outras bandas, logo tan aclamadas coma os Guns N' Roses. Se houbo un tema de Hanoi Rocks que de verdade cativou a Axl Rose, Slash, Izzy Stradlin, Andy McCoy e os demais membros da banda anxelina, ese foi "Lost in the City", que se inclúe no disco de debut de Hanoi Rocks Bangkok Shocks, Saigon Shakes, Hanoi Rocks (1981). 


"Lost in the City" revive dalgún xeito nunha das grandes cancións de Guns N' Roses "Paradise City", pertencente ó disco de debut Appetite for Destruction (1987). Os riffs da guitarras teñen unha lixeira semellanza e Andy McCoy admitiu en máis dunha ocasión a influencia que recibiron de Hanoi Rocks.

http://youtu.be/GHEUsGhUtgg

E ese recordo persistiu nos membros de Guns N' Roses, mesmo despois da separación da banda. Por exemplo, en Velvet Revolver, supergrupo que formaron Slash, Matt Sorum, Duff McKagan, ex integrantes de Guns N' Roses, xunto con Dave Kushner, de Wasted Youth, e o líder de Stone Temple Pilots Scott Weiland, o rastro de Hanoi Rocks pode apreciarse na canción "Do It for the Kids", que pertence ó debut Contraband (2004).

http://youtu.be/YdgpTBhWz2E

Por outro lado, Izzy Stradlin, que deixara Guns N' Roses a comezos dos 90 para principiar unha carreira en solitario, tamén revive o son de Hanoi Rocks na canción "Bomb", que abre o sexto disco do guitarrista, Like a Dog (2005).

http://youtu.be/MqIUAkYwJL0

Ningún comentario:

Publicar un comentario