luns, 10 de marzo de 2014

Diddley Daddy

O rock and roll empezou a distinguirse como un xénero diferente do blues no momento en que uns cantos músicos lograron desenvolver uns sons novidosos que ían cambia-lo concepto musical en torno a década dos 50. Unha das figuras imprescindibles para entender ese proceso creativo foi Ellas Otha Bates, máis coñecido polo seu nome artístico Bo Diddley e creador dun son que co tempo leva o seu nome. Influente coma poucos, Bo Diddley comezou a súa carreira a finais dos anos 40 e traballou cos músicos máis importantes do momento coma Willie Dixon e Billy Boy Arnold, entre outros. Precisamente en xuño de 1955 Bo Diddley editou o single "Diddley Daddy" que primeiro se ía chamar "Diddy Diddy Dum Dum", escrita en principio coa colaboración de Billy Boy Arnold.


Ó parecer, Leonard Chess, produtor da discográfica de Diddley, pedira expresamente que a canción que nun primeiro momento era de Billy Boy Arnold, a gravara Bo Diddley, algo que non lle fixo demasiada graza a Arnold, que acudiu a unha discográfica rival da de Chess, e tras uns arranxos na letra e uns retoques insignificantes na música, gravou a súa propia versión titulada "I Wish You Would", que tamén se acabou editando no mes de xuño de 1955, ó igual que o single de Bo Diddley.



Ningún comentario:

Publicar un comentario