xoves, 20 de marzo de 2014

Have Love, Will Travel

"Have Love, Will Travel" é unha das cancións de doo-wop que tivo un éxito inmediato trala súa publicación en 1959. Non era para menos, xa que dous anos antes, o autor e intérprete desta canción editara un dos singles que revolucionara a efervescente escena rock and roll, o famosísimo "Louie, Louie", e desde entón agardábanse as composicións de Richard Berry coa esperanza de que volvese crear un novo himno. Se ben é certo que ese fito non se repetiu, a aparición de "Have Love, Will Travel" centrou outra vez os focos en Richard Berry, que non deixara de facer cancións en ningún momento. Sen ter a mesma repercusión que "Louie, Louie", "Have Love, Will Travel" tamén deixou un pouso importante na música, sobre todo a partir da versión de The Sonics.


A pesar de que unha das primeiras versións que se fixeron de "Have Love, Will Travel", a de Paul Revere and the Raiders en 1964, non tivo case transcendencia, pero a de The Sonics un ano despois no seu álbum de debut Here Are The Sonics (1965) daríalle unha nova vida a este tema de Berry. The Sonics, uns dos primeiros grupos que facían garage rock, transladaron a este estilo "Have Love, Will Travel" converténdoo nunha das cancións de referencia para moitas bandas e aínda na actualidade se poden atopar novas versións coma a de The Black Keys en 2003 e a de Sky Saxon  en 2011.


A presenza de "Have Love, Will Travel" tamén é constante na canción de The Hives "Main Offender", do álbum Veni Vidi Vicious (2000). Esta canción dos suecos considérase practicamente unha versión da de The Sonics cunha nova letra, pero aínda así vén a demostrar que o espíritu da versión de The Sonics segue moi vivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario