Coma tantas veces acostumaba suceder nos grupos vocais femininos, unha das componentes acababa acaparando tanta atención que se impuña en carisma ás demais e o seu nome pasaba a formar parte do grupo. LaBelle non foi unha excepción. Este grupo de catro vocalistas formouse a finais dos anos 50 co nome de The Ordettes, pero apenas nun ano trala substitución de Sundray Tucker por Cindy Birdsong, pasaron a chamarse The Blue Belles. Xa para entón o carisma de Patsy Holt medrara tanto que en pouco tempo o seu nome artístico mudou polo de Patti LaBelle e con el o do grupo que ó longo da década denominouse sucesivamente Patti LaBelle & Her Blue Belles e Patti LaBelle & The Bluebelles, para finalmente quedar só en LaBelle, co protagonismo absoluto de Patti. En 1974 editaban o álbum Nightbirds que contén a canción máis coñecida de LaBelle, a provocativa e picante "Lady Marmalade", e que grazas as innumerables versións, inmortalizou a sona deste grupo.
Das moitas versións coas que conta "Lady Marmalade", a que tivo máis transcendencia nos últimos anos é a que o póker de voces femininas compostas por Christina Aguilera, Lil' Kim, Mya e Pink gravaron para a banda sonora da película "Moulin Rouge" en 2001.
Pero á marxe das versións, Happy Mondays introducen un fragmento do retrouso de "Lady Marmalade" na canción "Kinky Afro", pertencente ó album Pills 'n' Thrills and Bellyaches (1990).
http://youtu.be/LLh2d-EwzGI
http://youtu.be/LLh2d-EwzGI
Ningún comentario:
Publicar un comentario