luns, 3 de marzo de 2014

Git Up, Git Out

En 1994 debutaban na escena hip hop de Atlanta OutKast, o dúo formado polos rapeiros André 3000 e Big Boi, que unha década máis tarde acadarían un éxito mundial co single "Hey Ya". Sen renunciar o legado que lles proporcionaba o funk e o soul, os rapaces de OutKast contruíron un disco con cancións frescas que escapaban dos clixés típicos do hip hop, e preconizaba unha longa carreira que culminaría finalmente en 2003. E todo iso tendo en conta que quizais o título elixido para ese disco de debut non parecía en principio o máis adecuado. Southernplayalisticadillacmuzik, que tamén é o nome dunha das cancións do álbum, e que semella remitir a palabra máxica de Mary Poppins, finalmente non supuxo un impedimento e ata se pode considerar que lles trouxo boa sorte. "Git Up, Git Out", posiblemente non sexa a mellor canción do álbum, pero foi escollida como terceiro single e nela colabora Goodie Mob, unha das primeiras bandas de Cee-Lo Green, e o seu son espertou o interese dos produtores de Macy Gray.

http://youtu.be/CssC-DY4lO8

O certo é que sen ser das mellores cancións dese disco, "Git Up, Git Out" está na base dun dos grandes temas do primeiro disco de Macy Gray On How Life Is (1999). "Do Something" foi ademais o single de promoción dunha das voces máis importantes do soul que apareceron nos últimos tempos. E cousa rara, non é habitual que os arranxos musicais dunha canción que parten de samples doutras fagan mellor esa nova canción que as precedentes en que se basea. "Do Something" supera en calidade tanto á de OuKast coma á de Nice & Smooth, as dúas das que deriva.

http://youtu.be/2OHPY3MyUlI

Por certo, a canción de Nice & Smooth que tamén serve de base a "Do Something" é "Funky for You", do álbum epónimo co que debutaban en 1989, e que, para variar, á vez está baseada en cancións anteriores. E como veremos, estes rapaces demostraron nesta canción ter un gusto exquisito á hora de seleccionar as cancións que comporían "Funky for You".

http://youtu.be/I_1nE4Fmjdg

A primeira a da banda de soul de Roy C, The Honey Drippers (non confundir coa de rock de Robert Plant The Honeydrippers), "Impeach the President", un tema de 1973 moi querido por moitos artistas de hip hop.

http://youtu.be/wqbEsS5kFb8

A segunda, é a de War "Heartbeat", que aparece no álbum Why Can Be We Friends? (1975).

http://youtu.be/y1WWPF--D4A

E por último, está a da banda funk Parliament  "Do That Stuff", pertencente ó álbum The Clones of Dr. Funkenstein (1976), que por outro lado, remite ó son dunha canción anterior.

http://youtu.be/eVo2N9nnpI4

A canción da que falabamos antes é a de Funkadelic "You Can't Miss What You Can't Measure", do álbum Cosmic Slop (1973). Se temos en conta que ámbalas formacións están unidas, os continuos trasvases de sons dunha a outra non debe sorprender, porque está mesma canción ten ecos doutra de Parliament.

http://youtu.be/6AvmgYHguWk

E a de Parliament é "Heart Trouble", single de 1965.

http://youtu.be/UBgabzr25Kw

E xa para rematar (que lío de entrada nos está quedando hoxe!) volvamos ó tema de Parliament "Do That Stuff", que recentemente lles serviu ós noruegueses Röyksopp para crear "Happy Up Here", tema que abre o álbum Junior (2009).

http://youtu.be/XV6yiMKAzp4


Ningún comentario:

Publicar un comentario