mércores, 12 de marzo de 2014

Yeah Man

Despois das distintas sensacións que deixara Sam Cooke no álbum Ain't That Good News onde o músico choraba a morte do seu fillo, pero onde había un atisbo de esperanza, ninguén podería imaxinar que ese sería o derradeiro disco publicado en vida. En marzo de 1964 as tendas de música colocaban nos estantes das novidades ese fantástico disco que había de engaiolar ós seguidores máis incondicionais de Cooke e tamén lle faría gañar novos adeptos. Non obstante, no mes de decembro dese ano a traxedia cebábase coa música soul ó arrebatarlle dunha forma cruel a un dos mellores músicos do momento. Daquela Sam Cooke acababa de remata-la gravación do seu seguinte álbum Shake, que se publicou apenas un mes despois do pasamento. Era xaneiro de 1965 e as tendas volvían colocar un novo disco de Sam Cooke no estante das novidades, pero nesa ocasión, coa conmoción que supuña saber que aquel fantástico compositor e músico nunca máis volvería escribir música nova coa que encher os estantes das tendas. "Yeah Man" é unha das cancións dese álbum.


Exactamente dous anos despois de que se desen a coñecer as cancións póstumas de Sam Cooke, Arthur Conley publicaba o álbum Sweet Soul Music (1967). A canción que lle dá título está baseada na de Sam Cooke, e en realidade é toda unha homenaxe á música soul onde se mencionan algunhas das cancións máis coñecidas deste xénero.

Ningún comentario:

Publicar un comentario