Amosando publicacións coa etiqueta Hall and Oates. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Hall and Oates. Amosar todas as publicacións

venres, 22 de maio de 2015

Reaching Out

Co gallo da publicación da publicación do vindeiro álbum de Nero prevista para o mes de agosto, centrámonos hoxe no anterior disco do trío de electropop procedente do Reino Unido, Welcome Reality (2011), co que debutaban. Concretamente, imos quedar con "Reaching Out", que como moitas cancións de música electrónica actuais ten tódolos trazos típicos do xénero das últimas décadas, isto é, un gusto excesivo polos samples, aínda que no caso de "Reaching Out" Nero soubo sintetizar na canción dúas moi semellanes da mesma época e mesmo contar coa participación de Daryl Hall, un dos autores dunha das dúas cancións que forman parte de "Reaching Out".

https://youtu.be/sJVQJ4-n_cA

O grupo italiano Kano, unha das sensacións disco dos oitenta nas discotecas, editou en 1983 o single "Another Life", unha das pezas que ensambla a canción de Nero.

https://youtu.be/1wVaGo5wSqA

A outra é canción de Hall and Oates "Out of Touch", pertencente a Big Bam Boom (1984). Nero puido contar coa colaboración de Daryl Hall no seu tema, o que reforza a unión entre as cancións de ambos grupos.

https://youtu.be/s_8KR-n2fBQ

xoves, 13 de marzo de 2014

Kiss on My List

O dúo formado por Daryl Hall e John Oates empezou a súa andaina musical a mediados dos anos 70, pero sería unha década maís tarde cando a súa sona se espallase por medio mundo a través de cancións tan sensacionais como "Maneater" e que pouco a pouco, foron callando na memoria colectiva ata facer de Hall & Oates un dos grupos máis coñecidos, ademais de que outros artistas non dubidaron en contar con eles para que lles botasen unha man nos seus respectivos traballos discográficos. O apoxeo que supuxo "Maneater" comezou a xestarse uns anos antes, e xa no noveno disco de Hall & Oates, Voices (1980) se podía apreciar algunhas das cancións máis famosas destes dous compositores, como é o caso de "Kiss on My List", cun son que mesmo chegou a condicionar algunha canción posterior de Hall & Oates.


Algúns críticos sinalaron que no seguinte disco de Hall & Oates, Private Eyes (1981), a canción que lle dá título ten un ritmo moi semellante a "Kiss on My List", coma se fose un recordatorio dese éxito.


Pero se hai unha canción que segundo os propios Daryl Hall e John Oates, ten unhas reminiscencias moi evidentes de "Kiss on My List", esa é o gran éxito de Van Halen "Jump", pertencente ó álbum 1984 e que se publicou en decembro de 1983. O certo é que o son tan característico desta canción da banda de Eddie Van Halen lembra por momentos a "Kiss on My List", moito máis do que Hall & Oates conseguiron con "Private Eyes".

xoves, 22 de agosto de 2013

Take Control

Volvamos hoxe con outra canción que lle debe as súas orixes a dúas cancións diferentes. Como levamos visto, case tódolos xéneros de música son propensos a esta forma de crear cancións, pero hai algúns como o funk e o hip hop que sobresaen por riba de todos desde os seus comezos. Hoxe imos cun tema funk bastante recente; trátase de "Take Control", o single de presentación do terceiro disco de Amerie Because I Love It, que veu á luz en 2006. Hai quen lle quita méritos a este tipo de cancións por carecer precisamente de orixinalidade en todo, pero quizais o principal encanto que teñen é saber conxugar dun xeito bastante coherente distintas formas de facer música e, ás veces, mesmo serve para redescubrirnos cancións caídas no esquecemento colectivo. A letra de "Take Control" está asinada pola propia Amerie xunto con Mike Caren e Cee-Lo Green, unha das metades de Gnarls Barkley, que tamén conta cunha carreira en solitario á marxe do seu proxecto co gran Danger Mouse.


A primeira canción que contribuíu a este éxito de Amerie é "Jimmy, renda-se" de Tom Zé, que está no álbum epónimo do compositor brasileiro, de 1970. Malia que a música de Tom Zé no é coñecida mundialmente, é un dos músicos máis importantes de Brasil, pero só a partir dos anos 90, cando fichou pola discográfica de David Byrne, a súa música empezou a ter certa relevancia internacional.


A segunda é un tema de Hall & Oates de 1980, "You Make My Dreams", unha fermosa canción con ritmos dance, que os compositores Daryl Hall e Joahn Oates escribiron coa colaboración de Sara Allen. Pertence ó disco Voices (1980).

martes, 8 de maio de 2012

I Can't Go for That (No Can Do)

Daryl Hall e John Oates formaron un dos dúos máis influentes durante os últimos anos dos 70 e comezos dos 80. Hall & Oates son hoxe recoñecidos sobre todo polo seu trallazo "Maneater" que aínda soa nas radiofórmulas de medio mundo. No entanto, deixáronnos unha colección de boas cancións á sombra de "Maneater", como é "I Can't Go for That (No Can Do)" que convén descubrir. Este tema en concreto atópase no disco de 1981 Private Eyes e, ademais  das versións, esta canción foi sampleada en numerosas ocasións especialmente por artistas de hip-hop. Con todo, a súa influencia está presente mesmo nalgunha canción que pode sorprendernos.


Polo visto, durante a gravación de "We Are The World", cantado por un sinfín de artistas a mediados dos anos 80 con fins benéficos impulsado por Michael Jackson, este confesoulle a Daryl Hall que empregara para "Billie Jean" do exitoso Thriller (1983), algunhas notas do baixo de "I Can't Go for That (No Can Do)".


Para acabar, deixámosvos a canción de Simply Red "Sunrise" do álbum Home (2003) onde Mick Hucknall emprega claramente un sample da canción de Hall & Oates.