Volvamos hoxe con outra canción que lle debe as súas orixes a dúas cancións diferentes. Como levamos visto, case tódolos xéneros de música son propensos a esta forma de crear cancións, pero hai algúns como o funk e o hip hop que sobresaen por riba de todos desde os seus comezos. Hoxe imos cun tema funk bastante recente; trátase de "Take Control", o single de presentación do terceiro disco de Amerie Because I Love It, que veu á luz en 2006. Hai quen lle quita méritos a este tipo de cancións por carecer precisamente de orixinalidade en todo, pero quizais o principal encanto que teñen é saber conxugar dun xeito bastante coherente distintas formas de facer música e, ás veces, mesmo serve para redescubrirnos cancións caídas no esquecemento colectivo. A letra de "Take Control" está asinada pola propia Amerie xunto con Mike Caren e Cee-Lo Green, unha das metades de Gnarls Barkley, que tamén conta cunha carreira en solitario á marxe do seu proxecto co gran Danger Mouse.
A primeira canción que contribuíu a este éxito de Amerie é "Jimmy, renda-se" de Tom Zé, que está no álbum epónimo do compositor brasileiro, de 1970. Malia que a música de Tom Zé no é coñecida mundialmente, é un dos músicos máis importantes de Brasil, pero só a partir dos anos 90, cando fichou pola discográfica de David Byrne, a súa música empezou a ter certa relevancia internacional.
A segunda é un tema de Hall & Oates de 1980, "You Make My Dreams", unha fermosa canción con ritmos dance, que os compositores Daryl Hall e Joahn Oates escribiron coa colaboración de Sara Allen. Pertence ó disco Voices (1980).
Ningún comentario:
Publicar un comentario