luns, 19 de agosto de 2013

New Life

En plena efervescencia da New Wave e cando o movemento dos New Romantics ameazaba con converterse no son que ía dominar a década dos 80, Depeche Mode daba comezo a súa andaina entre unha chea de grupos cun son moi semellante que se apuntaran á nova moda. Daquela, a banda de Martin Gore e Dave Gahan e na que aínda militaba Vince Clarke, só era unha máis na procura dun sitio nesa música electrónica que lle debía todo ós sintetizadores. Hoxe en día, consagrada como unha das bandas máis grandes, volvemos á vista ás orixes de Depeche Mode cunha canción asinada por Clarke. "New Life" foi o segundo single de Depeche Mode, a primeira canción que abre o primeiro disco Speak & Spell (1981), unha pequena mostra dunha época que chegou a deixar unha pegada imborrable.


Esa pegada imborrable asómase de vez en cando na música de bandas e artistas que viven nos últimos anos un período no máis alto, dun xeito máis ou menos visible por momentos. Muse é unha das bandas que mellor recolle o legado de Depeche Mode desa primeira época. Talvez o caso onde mellor se aprecie sexa na canción "Undisclosed Desires", que se atopa no disco The Resistance (2009). Cun ritmo moito máis pausado que na canción de Depeche Mode, algúns fragmentos conteñen ecos que evocan a "New Life".

Ningún comentario:

Publicar un comentario