Amosando publicacións coa etiqueta Raphael Saadiq. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Raphael Saadiq. Amosar todas as publicacións

xoves, 17 de setembro de 2015

By the Time I Get to Phoenix

Outro músico estadounidense que dende os anos cincuenta contribuíu ó espallamento do rock and roll e outros estilos afíns é Johnny Rivers. Este cantante nacido en Nova York hai 72 anos, combinou durante a súa carreira as cancións propias e outras que lle ofreceron varios compositores xunto con versións de temas moi coñecidos. No terceiro álbum, Changes (1966), incluíu unha balada escrita por Jimmy Webb titulada "By the Time I Get to Phoenix", que sacara como single un ano antes, ó tempo que a gravaba o cantante country Glen Campbell, cuxa versión saíu uns meses despois. Malia que ambas versións son moi semellantes entre si e apenas se diferencian, a de Glen Campbell tivo maior repercusión.


Pero a gran versión que se fixo de "By the Time I Get to Phoenix" correspóndelle a Isaac Hayes, no álbum Hot Buttered Soul (1969). O ritmo da cancións adáptase á perfección ó estilo sobrio de Hayes, quen a alonga ata os 18:42 de duración. Neste caso, optamos por ofrecervos unha versión reducida.


Que a versión de Hayes é desas que eclipsa mesmo á orixinal é algo que se aprecia na influencia que exerce nalgúns grupos de R&B. A canción de Tony! Toni! Toné! "Anniversary", do álbum Sons of Soul (1993), sen ser un remedo de "By the Time I Get to Phoenix", inspírase na versión de Hayes ó tentar reproducir algúns dos efectos desta.


Xa remitíndose claramente ó "By the Time I Get to Phoenix" de Hayes, a canción pop de Brídín Brennan "You Can't Hurt Me", do álbum Eyes of Innocence (2005), si colle directamente algúns elementos do tema escrito por Webb.

venres, 10 de outubro de 2014

Leavin'

Tony! Toni! Toné!, o grupo no que Raphael Saadiq medrou como artista, consagrouse co terceiro álbum, Sons of Soul (1993), onde deixaban claro desde o título as influencias e o son que conformaba a súa música. O álbum é un conxunto de cancións soul e funk con ecos claros dos anos 60 e 70 cando as discográficas Stax e Tamla Motown dominaban o mercado do soul. O segundo single, "Leavin'", reproduce ben as referencias máis directas das que bebe a música de Tony! Toni! Toné! centrándose especialmente no estilo que Smoke Robinson lle imprimiu á obra de seu con The Miracles e que logo lle transmitiu a The Temptations. Pero ademais, tamén miran cara a unha das bandas máis importantesdo hip hop dos 80, A Tribe Called Quest, o que fai de "Leavin'" unha das cancións máis variadas no repertorio de Tony! Toni! Toné!.

http://youtu.be/hslicRJIoeg

"Leavin'" ten ecos de "I Second That Emotion", tema que Smoke Robinson gravou con The Miracles no recompilatorio Greatest Hits, Vol. 2 (1968).

http://youtu.be/mv9cWgkpIZ4

Pero o son de "Leavin'" débelle moito ó tema de A Tribe Called Quest "If the Papes Comes", da banda sonora da película Mi vida loca (1990), xa que toman un sample para completar "Leavin'".

mércores, 6 de agosto de 2014

Ask of You

Posiblemente se as tendencias que dominan a música actual non cambian, e todo parece indicar que se van manter así durante moito tempo, o soul xa nunca volverá a vivir unha época de esplendor como a que tivo durante os anos 60 e 70 cando a Motown e Stax non paraban de amosar novos talentos que enriquecían os catálogos das tendas da música. Menos mal que de vez en cando xorde un novo artista que devolve á memoria a aqueles anos de gloria. A mediados dos 90 facía o seu debut en solitario o líder da formación Tony! Toni! Toné!, Raphael Saadiq, aínda que de foma moi modesta e nin sequera cun álbum propio. Trátase dunha soa canción, "Ask of You", que Saadiq achegou á banda sonora da película Higher Learning (1995). Daquela, Raphael Saadiq aínda non devecía por emprender unha andaina en solitario e continuou uns anos máis co seu grupo, pero xa en "Ask of You" se pode apreciar que como artista en solitario non tiña nada que perder.


En 1999, xusto cando deu por rematada a súa aventura con Tony! Toni! Toné!, Raphael Saadiq embarcouse nun supergrupo de R&B chamado Lucy Pearl, unha continuación do proxecto The Ummah, co que Saadiq e os restantes membros de Lucy Pearl xa tiveran un primeiro contacto. Unha das cancións máis destacadas de Lucy Pearl é "Lucy Pearl's Way", do disco epónimo de 2000, na que Raphael Saadiq reinventa "Ask of You".