mércores, 6 de agosto de 2014

Ask of You

Posiblemente se as tendencias que dominan a música actual non cambian, e todo parece indicar que se van manter así durante moito tempo, o soul xa nunca volverá a vivir unha época de esplendor como a que tivo durante os anos 60 e 70 cando a Motown e Stax non paraban de amosar novos talentos que enriquecían os catálogos das tendas da música. Menos mal que de vez en cando xorde un novo artista que devolve á memoria a aqueles anos de gloria. A mediados dos 90 facía o seu debut en solitario o líder da formación Tony! Toni! Toné!, Raphael Saadiq, aínda que de foma moi modesta e nin sequera cun álbum propio. Trátase dunha soa canción, "Ask of You", que Saadiq achegou á banda sonora da película Higher Learning (1995). Daquela, Raphael Saadiq aínda non devecía por emprender unha andaina en solitario e continuou uns anos máis co seu grupo, pero xa en "Ask of You" se pode apreciar que como artista en solitario non tiña nada que perder.


En 1999, xusto cando deu por rematada a súa aventura con Tony! Toni! Toné!, Raphael Saadiq embarcouse nun supergrupo de R&B chamado Lucy Pearl, unha continuación do proxecto The Ummah, co que Saadiq e os restantes membros de Lucy Pearl xa tiveran un primeiro contacto. Unha das cancións máis destacadas de Lucy Pearl é "Lucy Pearl's Way", do disco epónimo de 2000, na que Raphael Saadiq reinventa "Ask of You".

Ningún comentario:

Publicar un comentario