mércores, 20 de agosto de 2014

Heaven Knows I'm Missing Him Now

Nos variados anos 60 o pop máis comercial estaba dominado por unha rapariga inglesa que lograra gañar en 1967 o daquela prestixioso festival de Eurovisión coa canción "Puppet on a String", que logo foi versionada en case tódolos idiomas. Falamos como non, de Sandie Shaw, que a raíz daquel éxito televisivo, a súa sona chegou a toda Europa. A pesar de que Sandie Shaw se encargou de que nos seus discos se incluísen versións e composicións dos autores de renome do momento coma Dylan, os Beatles, os Stones e mesmo Jimmy Page, Shaw só conseguía colocarse nos primeiros postos das listas de vendas con cancións pop que tiñan exactamente o mesmo estilo ca "Puppet on a String" e finalmente sería por este tipo de cancións polo que aínda todo o mundo se lembra dela. "Heaven Knows I'm Missinjg Him Now", single de 1969, forma parte desas cancións de pop facilón co que os fans de Sandie Shaw estaban acostumados; non obstante, esta canción nin sequera se chegou a introducir nas listas de vendas.


Calquera pode considerar "Heaven Knows I'm Missing Him Now" un tema menor, sen a mínima transcendencia e así o acredita tanto a letra como a música. No entanto, entre os admiradores da música de Sandie Shaw atópase Morrisey e sen dúbida, esa é unha das súas favoritas. Non é que un dos principais integrantes de The Smiths se servise do estilo da canción para versionala (malia que The Smiths si teñen versionado algunha outra de Sandie Shaw) ou para facer unha nova baseada nela. O que realmente cativou a Morrisey foi o título, co que Morrisey compuxo "Heaven Knows I'm Miserable Now" (1984), single que se editou solto. E aí rematan as semellanzas coa canción de Sandie Shaw. Da música ocupouse Johnny Marr e é unha das esenciais na discografía de The Smiths, con todo o estilo de seu da banda de Manchester.

Ningún comentario:

Publicar un comentario