Un dos diamantes que atesouraba a Tamla Motown nos anos 60 era o xovencísimo Stevie Wonder, que cunha creatividade envexable ía medrando dentro da discográfica de Detroit. A pesar de ser un compositor nato, Stevie Wonder tamén contaba coa colaboración dalgúns dos prestixiosos letristas da casa coma Sylvia Moy e Henry Cosby, que asinan xunto a Wonder algunhas das súas mellores cancións desa década. Un deles é o tema que lle dá título ó álbum My Cherie Amour (1969), un fantástico disco que conta coa sorpresa da versión de "Light My Fire" de The Doors. Mais cando se compuxera "My Cherie Amour" uns anos antes, na Motown non deberon de velo moi claro porque pospuxeron a publicación da canción, malia que finalmente déronlle o protagonismo ó titular con ela o undécimo disco de Stevie Wonder.
E como moitas outras cancións de Stevie Wonder, "My Cherie Amour" é unha das máis versionadas, pero ademais, o son que lle imprime o baixo, case como marca da casa Motown, fixo que "My Cherie Amour" estea moi presente noutras cancións de soul posteriores. Unha das que reproduce ese mesmo son é o tema de Aretha Franklin "Until You Come Back to Me", pertencente a Let Me in Your Life (1974).
Outra canción que dalgunha maneira se inspira na de Stevie Wonder é a que leva precisamente por título "Soul Inspiration", de Anita Baker, pertencente ó álbum Compositions (1990).
E Ariel Pink's Haunted Graffiti comeza a canción "Round and Round", de Before Today (2010) cunhas notas de "My Cheire Amour".
Ningún comentario:
Publicar un comentario