mércores, 13 de agosto de 2014

Love Shack

A moitos a banda The B-52's coñecérona cando lle puxeron música a película con personaxes reais sobre os Picapedra, mentres que outros asocian o nome da vocalista Kate Pierson coa voz que acompaña á de Michael Stipe no tema "Shiny Happy People" de REM, por outra parte veciños de The B-52's. Pero o caso é que a andaina de The B-52's remóntase a mediados dos anos 70 cando un grupo de mozos que aspiraban a contribuír á New Wave se xuntaron na súa cidade natal, Athens, e empezaron a chamar a atención das discográficas locais. Sen deixar de traballar de forma constante, The B-52's obtiveron a recompensa merecida co quinto disco, Cosmic Thing (1989), que contén o principal éxito do grupo, "Love Shack". Sen ser o primeiro single que se extraeu do álbum, "Love Shack" pronto acadou os primeiros postos nas listas de vendas e proporcionoulles a The B-52's un recoñecemento que por desgraza para unha banda tan boa non habería volver conseguir ata que en 1994 se encargaron da banda sonora de The Flintstones (Os Picapedra).


Como adoita suceder coas boas cancións que teñen un éxito desbordado, sempre aparece alguén capaz de darlle unha nova lectura, xa sexa en clave dance ou en clave hip hop. Far East Movement, un grupo de hip hop xuntouse co dj Roger Sánchez para gravar "2gether", feita con parte de "Love Shack" e queda como unha trapallada, no álbum Free Wired (2010).

Ningún comentario:

Publicar un comentario