xoves, 28 de agosto de 2014

L.I.F.E.G.O.E.S.O.N.

Noah and the Whale, a banda inglesa de folk rock comandada por Charilie Fink, vai gañándose devagar a unha morea de fans con cada álbum que sacan e para a crítica é un dos grupos máis interesantes que apareceron nos últimos anos. As boas sensacións que causaron coa publicación dos seus primeiros discos non quedaron atrás cando por fin editaron Last Night on Earth (2011). Como single de lanzamento, escolleuse "L.I.F.E.G.O.E.S.O.N.", terceiro corte do álbum, que é unha pequena marabilla folk. Non obstante, algúns críticos sinalan que nesta canción apréciase con excesiva claridade a influencia de dous referentes para Charlie Fink; The Kinks e Tom Petty. A pegada da súa musica transcorre de forma natural polo tema de Noah and the Whale coma parte da paisaxe que debuxan nas notas, pero para os máis avispados esa pegada leva os nomes respectivos das cancións de Petty e de The Kinks que están detrás da composición de Fink, aínda que habería que precisar que, coma opinión duns cantos, non deixa de ser subxectiva.


De Tom Petty and the Heartbreakers, a canción de Noah and the Whale parece tomar algún parecido con "Don't Come Around Here No More", tema escrito xunto con Dave Stewart de Eurythmics, incluído en Southern Accents (1985). O videoclip é unha xenial recreación de Alicia no País das Marabillas, onde Petty se disfraza do personaxe do Sombreireiro Tolo.


"Lola" é unha das grandes cancións de The Kinks, pertencente a Lola Versus Powerman and the Moneygoround, Part One (1970). Co famoso tema sobre un travesti, a banda de Ray Davies deixaba claro que na nova década ían seguir dando guerra.


E non nos resistimos á versión en castelán de "Lola" que M-Clan fixo no disco Sopa Fría (2004), respectando á letra orixinal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario