O gran soño de moitos músicos que intúen que as súas propias carreiras nunca terán unha gran repercusión é que as súas composicións acaben no repertorio dalgún artista ou grupo de renome, algo que alomenos lle repercutirá nuns xenerosos royalties. Mick Jackson, un compositor inglés, escribiu a mediados dos 70 xunto co seu irmán Dave e Elmar Krohn unha canción pensada para Steve Wonder. Tendo en conta o estilo do músico estadounidense, tentaron axustarse os seus patróns, de modo que en caso de que Wonder a gravara, non resultase moi alleo ó que estaba facendo. Mentres esperaban a resposta de Stevie Wonder, Mick Jackson gravouna en 1977 para darlle máis empaque e convencer dese xeito á discográfica de Wonder para que quedasen con ela.
No entanto, quen finalmente quedou con ela non foi Stevie Wonder, senón The Jacksons, que por ironías da vida compartían apelido co compositor. The Jacksons 5 acababan de abandonar a Motown e ficharan por Epic na procura de situarse de novo nos primeiros postos das listas de vendas. E haberíano de lograr con "Blame It on the Boogie", tema estrela de Destiny (1978), tamén o primeiro producido exclusivamente por Michael Jackson e os seus irmáns.
Das versións que se fixeron de "Blame It on the Boogie", triunfou no mundo hispánico a do mexicano Luis Miguel en castelán. "Será que no me amas" pertence ó álbum 20 años (1990).
Ningún comentario:
Publicar un comentario