Cara a finais dos 90 a febre polo britpop, que volvera pór de actualidade á escena musical británica, empezou a dar síntomas de esgotamento. Non foi que de súpeto a tremenda creatividade da que fixeran gala aquelas bandas anglosaxonas se vise abaixo, simplemente que coma tódalas modas, os medios deixaron de fixarse especialmente nelas á vez que consideraban que era moi difícil que se volvese a acadar o nivel de Oasis, de Blur e demais grupos en tan pouco tempo. Con todo, iso non desanimou ás bandas emerxentes, que contaban con aproveitar o mellor posible aquel movemento ó que vían como unha vantaxe para darse a coñecer máis aló das illas. Nese contexto facía a súa aparición Stereophonics, unha banda galesa, que ó igual que os seus paisanos os veteranos Manic Street Preachers, aspiraban a triunfar coa súa música en todo o continente. Así en 1997 debutaban con Word Gets Around. O álbum non foi precisamente un supervendas, pero amosaba unha banda cunha base sólida como para dar que falar nos vindeiros anos. "Same Size Feet" é unha das cancións que forma parte do debut de Stereophonics.
Os consolidados Oasis nunca deixaron de ser unha esponxa, ó igual que nos seus comezos. A facilidade con que ritmos, sons, riffs alleos acababan por asimilarse á música dos irmáns Gallagher é algo que aínda non se explican os críticos, que moitas veces apuntan ós antipáticos irmáns case sen pensar. Para moitos deles, hai acordes en "The Hindu Times", de Heathen Chemistry (2002), sospeitosamente moi parecidos, case idénticos, ós da canción de Stereophonics.
Ningún comentario:
Publicar un comentario