venres, 22 de agosto de 2014

Cobrastyle

A banda sueca Teddybears é desas que non se comprometen cun só estilo determinado. En toda a súa traxectoria nunca lles causou verdadeiros problemas mesturar diferentes tendencias, que van desde o hard rock ata a música electrónica, pasando polo reggae. O seu maior éxito atópase no álbum Fresh (2004) e trátase de "Cobrastyle", un tema para o cal contaron coa colaboración do músico xamaicano Mad Cobra, que se encarga de pórlle voz á canción, de tal xeito que mesmo parece apropiarse totalmente dela. Teddybears quedaron tan satisfeitos desta canción que a incluíron tamén no seguinte álbum, Soft Machine (2006). Pero "Cobrastyle" tamén lle debe moito a outras cancións.


Unha das cancións que ten algo de presenza no son de "Cobrastyle" é a versión que as xaponesas The 5.6.7.8's fixeron da canción de The Ikettes "I'm Blue", no álbum Teenage Mojo Workout (2002).


E é que o trío xaponés logrou modernizar o son da formación das bailarinas de Ike & Tina Turner acelerando o ritmo. Compáremola coa orixinal.


Volvendo a "Cobrastyle", Mad Cobra tamén achegou a súa parte no retrouso ó incorporar parte de "Press Trigger", un dos seus temas de 2001.


Aínda que a porción de reggae que aparece no tema débese sobre todo ó single de Bussy Bee "Making Cash Money", de 1982.


Pero se de verdade hai unha canción cuxo son se aprecia sobre todo en "Cobrastyle" é sen dúbida o éxito de Fine Young Cannibals "Good Thing", do álbum The Raw & The Cooked (1988) que contén as principais cancións polo que este grupo inglés se fixo coñecido.

Ningún comentario:

Publicar un comentario