Jack White é hoxe un reputado músico e intérprete que aínda este mesmo ano publicou novo disco que sen dúbida aparecerá no mes de decembro cando se elaboren as listas dos mellores álbums do ano nunha posición privilexiada. Pero White, cuxa creatividade o levou a emprender unha chea de proxectos musicais ó mesmo tempo, empezou a ter certa relevancia no ámbito internacional con The White Stripes, o grupo que formou en 1997 xunto con Meg White, daquela a súa muller. No entanto, non se empezaría a falar de The White Stripes nas publicacións especializadas ata que publicaron o cuarto disco, Elephant (2003), que se estreaba con "Seven Nation Army", unha auténtica bomba polo marcado ritmo da batería, da que se encargaba Meg. A canción enseguida foi adoptada polas distintas hinchadas dos equipos de fútbol que transformaron a letra cando os seus equipos gañaban torneos importantes e aínda é habitual que a coreen nos estadios. Pero ademais de ser unha gran canción, a elaboración de "Seven Nation Army" tamén conta con algunha curiosidade.
Por exemplo, moi poucos afirmarían que a famosa melodía que permite que a canción estea aínda tan presente no mundo do deporte procede en realidade dun anaco da "Quinta Sinfonía" de Anton Bruckner, composta entre 1875 e 1876. Corresponde co tema principal da sinfonía e no fragmento que vos ofrecemos pode apreciarse a semellanza a partir do minuto tres.
Por outra parte, Jack White sempre se declarou admirador da música de Bob Seger e que a súa canción favorita é "2+2=?", de contido contra a guerra de Vietnam. Foi o single co que The Bob Seger System presentaba o seu primeiro álbum Ramblin' Gamblin' Man (1969) e seica que algo desa canción se transmitiu a "Seven Nation Army".
Ningún comentario:
Publicar un comentario