Amosando publicacións coa etiqueta Pixies. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pixies. Amosar todas as publicacións

mércores, 2 de decembro de 2015

Head On

Unha das mellores cancións de The Jesus and Mary Chain atópase no terceiro álbum da banda escocesa, Automatic (1989). Foi o segundo single que se elixiu para promocionalo e trátase de "Head On", que nos seus catro minutos e once segundos de duración encerra unha mistura de estilos que vai desde o rock dos anos cincuenta ata o son da new wave que marcou os comezos dos oitenta. De feito, é innegable que a esencia de "Head On" se asenta sobre todo no traballo de Joy Division, coma se a banda do malogrado Ian Curtis estendese a súa sombra sobre a música de The Jesus and Mary Chain. A canción lanzouse en diferentes formatos e, malia a non ter unha ampla acollida en Gran Bretaña, triunfou de longo nas listas de Estados Unidos.


Os Pixies fixeron unha estupenda versión de "Head On", máis guitarreira que a orixinal, no álbum Trompe le Monde (1991).

xoves, 17 de xullo de 2014

In Heaven

Hai películas que ás veces pasan á historia da música por incluír unha banda sonora moi ben traballada ou simplemente, unha canción incluída nela trascende os límites do cinema. Na estensa carreira do director David Lynch, a película Eraserhead de tintes góticos posiblemente non sexa unha das máis recordadas, pero a canción que interpreta un dos personaxes, "In Heaven (Lady in the Radiator)" ten a suficiente forza para inspirar novos temas, ademais de que moitas bandas de rock gótico a citan como unha das favoritas. Con toda probabilidade, o seu autor Peter Ivers, que tamén se encargou de pórlle a voz na película non imaxinou o éxito desta canción.

http://youtu.be/9lfzuBij18w

Os trazos de "In Heaven" atopánse en cancións como a de Modest Mouse "Workin' on Leavin' the Livin'" que aparece no recompilatorio Building Nothing Out of Something (2000).

http://youtu.be/fpqH0_FwBh4

Dous anos despois ía aparecer a que quizais sexa a versión máis exitosa de "In Heaven". Levárona a cabo os incribles Pixies no EP epónimo que a banda de Boston editou en 2002.

http://youtu.be/s2WhbTyvLYU

Outra canción que destaca pola influencia que recibe do tema de Peter Ivers é a canción de Rubella Ballet "Slant and Slide", pertencente ó recompilatorio Gothic Rock - The Ultimate Collection que remata precisamente co retrouso de "In Heaven".

http://youtu.be/9I1RQ53t6V0

xoves, 19 de setembro de 2013

White Rabbit

Unha das cancións que mellor definen o estilo de Jefferson Airplane é "White Rabbit", do segundo disco da banda Surrealistic Pillow (1967). Inspirada na fantástica obra de Lewis Carroll, a música, en cambio, ten reminiscenicas do enorme traballo de Miles Davis Sketches of Spain, editado en 1960 (algún día teremos que falar en profundidade da repercusión que tivo ese álbum na música), e do "Bolero" de Ravel (ó que tamén lle dedicaremos unha entrada proximamente). Polo demais, "White Rabbit" é hoxe unha canción versionada por moitos artistas e conta con adaptacións en moitos estilos.


Moitos artistas de jazz incorporaron "White Rabbit" ó seu repertorio. Un dos primeiros foi George Benson, en 1971 nun álbum que leva o título da canción de Jefferson Airplane.


Cunha versión en heavy metal sorprenderon Sanctuary en 1987 cando debutaron con Refuge Denied.


Pero tamén de "White Rabbit" hai numerosos samples en moitas cancións, sobre todo de hip hop, aínda que para maioría da xente a máis recoñecible é coa que se deron a coñecer Sugababes "Overload", do debut One Touch (2000).


Mais imos quedar cunha das cancións que, sen recorrer ós samples, mellor recollen o rastro de "White Rabbit". Trátase de "Where's My Mind" dos Pixies, do álbum de debut Surfer Rosa (1988).



mércores, 26 de decembro de 2012

Memphis, Tennessee

A cidade de Memphis sitúase como un dos berces do rock. A importancia simbólica que ten para case tódolos artistas que buscan as súas raíces no blues é incuestionable, de aí que non sexan uns poucos os que se dedicaron a compoñer unhas  letras de homenaxe a este lugar. Un dos primeiros foi o gran Chuck Berry, que en 1959 editou o single "Memphis, Tennessee"".  
 
 
Con referencias á canción de Chuck Berry, os Pixies lanzaron en 1991 a canción "Letter to Memphis", single do álbum Trompe le Monde.
 
 
Tamén de 1991 é outra gran canción que fala de Memphis, e quizais é a que máis popularidade acadou. Trátase do tema de Marc Cohn "Walking in Memphis", do álbum epónimo deste compositor estadounidense, e que tamén tivo unha versión moi famosa na voz de Cher.
 
 
 

mércores, 26 de setembro de 2012

Evil Hearted You

The Yardbirds foi unha das bandas británicas que aterrou en Estados Unidos disposta a arrasar as listas de vendas. Malia que a súa andaina rematou en 1968, a formación sufriu numerosos cambios dende o mesmo ano de fundación de 1963. Ese continuo vaivén de integrantes apenas debilitou ós Yardbirds, que ían deixando tras si importantes traballos discográficos que alimentaban o rock dos 60, grazas sobre todo a que por esta banda pasaron algúns dos mellores guitarristas da época que acabarían formando outros grupos de culto; Eric Clapton, Jeff Beck e Jimmy Page son algúns dos insignes nomes ligados a The Yardbirds e tamén se sinala que é a banda xermolo do que logo sería Led Zeppelin, con Page á cabeza.

Un dos primeiros singles de The Yardbirds é "Evil Hearted You", single de 1965, que se recollería no álbum Have a Rave Up with The Yardbirds dese mesmo ano. Está asinada por Graham Gouldman, un dos compositores máis populares da época e a el débese algúns dos éxitos de bandas como os Heman's  Hermits. A colaboración con The Yardbirds tamén deu uns froitos moi beneficiosos para as dúas partes.


A versión máis curiosa que se fixo de "Evil Heart You" corre a cargo da banda de rock alternativa estadounidense Pixies que en 1991 a gravaron en español como cara B do single "Planet of Sound" do álbum Trompe le Monde.