Amosando publicacións coa etiqueta Jackie DeShannon. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Jackie DeShannon. Amosar todas as publicacións

mércores, 30 de decembro de 2015

Bette Davis Eyes

Jackie DeShannon incluíu no seu álbum New Arrangement (1975) unha canción dedicada ós ollos da actriz Bette Davis, que escribiu xunto con outra afamada cantautora, Donna Weiss. Ó igual que as restantes cancións que compoñen o disco, "Bette Davis Eyes" é unha composición country con algúns elementos de folk e tampouco é das máis relevantes que levan a sinatura de DeShannon, que xa daquela parecía entrar no ocaso da súa carreira. De feito, o único single que se extraeu de New Arrangement "Let the Sailors Dance" non chamou especialmente a atención. Pero si habería dúas cancións do álbum que outros artistas versionaron, unha delas, "Boat to Sail" polos Carpenters coa colaboración de Brian Wilson, e a outra, a que nos ocupa hoxe, "Bette Davis Eyes", por Kim Carnes.


Con toda a seguridade, "Bette Davis Eyes" non chegaría a acadar tanta popularidade de non ser pola versión que Kim Carnes realizou no seu álbum Mistaken Identity (1981) transformándoa nunha das cancións máis recoñecidas da new wave, grazas ó seu son renovado, que a distingue sobremaneira da versión orixinal.

martes, 17 de novembro de 2015

Things We Said Today

O terceiro álbum sempre marca definitivamente a traxectoria de calquera banda; conságrase ou comeza unha etapa de decadencia que se pode reconducir cun novo álbum, pero sempre é un momento transcendente. No caso de The Beatles non é diferente e en A Hard Day's Night (1964) os de Liverpool xa deixaban ás claras que estaban chamados a facer cousas grandes. Por primeira vez non se inclúe ningunha versión, e as trece cancións que compoñen o disco levan a sinatura de John, Paul e George. Posiblemente, a decisión de que todas as cancións sexan orixinais dos Beatles teña que ver co feito de que A Hard Day's Night estea concebido como a banda sonora da película do mesmo nome que o grupo protagonizou e onde se recollían as vicisitudes dos Beatles en torno ó fenómeno fan que xa provocaban. "Things We Said Today" é unha das cancións do álbum, malia non ser das máis recordadas.


Jackie DeShannon colocou nas listas de Estados Unidos unha versión de "Things We Said Today" en 1978, que acadou tanta popularidade como a orixinal.


Moitos críticos sinalan que a canción que Graham Gouldman compuxo para The Hollies, "Bus Stop", e que foi un dos maiores éxitos da banda en 1966, ten un parecido máis que razoable coa canción dos Beatles.

mércores, 7 de maio de 2014

A Lifetime of Loneliness

A parella de compositores formada por Burt Bacharach e Hal David foi das máis prolíficas nos anos 60, de tal xeito que mesmo cantautores que escribían a meirande parte do repertorio dos seus discos, non dubidaban en gravar algunhas das cancións deles con boa fortuna. Jackie DeShannon foi das artistas que máis recorreu a Bacharach e a David, e levou ó máis alto cancións coma "What the World Needs Now is Love" e "A Lifetime of Loneliness", que hoxe vos presentamos. Ámbalas dúas cancións pertencen a This Is Jackie DeShannon (1965), un dos traballos discográficos máis lembrados da compositora de Kentucky.


Un ano despois a melodía de "A Lifetime of Loneliness" reprodúcese nunha das cancións que compoñen o sonado disco de Love Da Capo (1966). "¡Qué Vida!", malia levar título en castelán, está composta en inglés e combina o rock psicodélico do momento coa bossa nova, o que lle dá un toque único nun álbum ateigado de moi boas cancións.

venres, 18 de outubro de 2013

Needles and Pins

Unha das primeiras mulleres que se dedicaron ó rock foi Jackie DeShannon. A finais dos anos 50, cando a maioría das cantautoras facían temas soul, DeShannon lanzouse na procura dun son que estaba facendo furor en bandas compostas principalmente por mozos. Comezou sacando singles ata que en 1963 saíu o seu primeiro LP Jackie DeShannon, pero sería ó ano seguinte cando Jackie DeShannon acadaría maior sona, grazas sobre todo ó single "Needles and Pins", composta por Jack Nitzsche e Sonny Bono, e que finalmente aparecería no LP Breakin' It Up on The Beatles (1964). Ese mesmo ano Jackie DeShannon colaboraba nun programa de radio dedicado exclusivamente ós Beatles, o que lle serviu para coñecer ós catro de Liverpool, pero para entón "Needles and Pins" xa contaba con algunha versión de importancia.

http://youtu.be/SSbM_Zmx9kA

A principal versión que se fixo de "Needles and Pins" e que chegou ós primeiros postos nas listas de vendas foi a de The Searches tamén en 1964. A nova versión tivo tanta repercusión co son beat que serviu de base a novas cancións.

http://youtu.be/ypv1lZlW1WY

A primeira desas cancións apareceu un ano despois do éxito de "Needles and Pins" da man de The Byrds. O single "I'll Feel a Whole Lot Better", que se inclúe no álbum Mr. Tambourine Man (1965) contén o seu riff de guitarra.

http://youtu.be/GaYqfI_tCkM

Pero antes de ir coa outra canción, unha curiosidade. O tema de The Byrds tamén conta cunha boa dose de versións, aínda que quizais a máis orixinal sexa a do arxentino Charly García, cunha letra adapatada ó español titulada "Me siento mucho mejor", do álbum Filosofía Barata y Zapatos de Goma (1990).

http://youtu.be/5oInx4_FkGE

Volvamos pois á versión de "Needles and Pins" de The Searchers. Esta reprodúcese ó comezo da canción de Megadeth "Use the Man", do álbum Cryptic Writings (1997).

http://youtu.be/gpW9MvgGXoU