Amosando publicacións coa etiqueta Crowded House. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Crowded House. Amosar todas as publicacións

martes, 30 de decembro de 2014

Amsterdam (2)

E como xa comentamos na entrada anterior sobre as cancións dedicadas á capital neerlandesa, nas últimas dúas décadas incrementáronse de forma notoria os temas sobre "Amsterdam", especialmente en grupos e artistas que nin sequera son orixinarios dos Países Baixos. No entanto, algo deberon de atoparlle os músicos a esta cidade para falar dela nas súas composicións, ou canto menos, para bautizala  cun título tan suxestivo como o dunha das cidades máis fermosas de Europa. A lista é bastante ampla, así que para non aburrirvos demasiado, escollemos nesta quenda tan só oito, que amosan á perfección ese gusto por Amsterdam. A primeira, a de Coldplay, que pecha o segundo álbum dos británicos, A Rush of Blood to the Head (2002).


Cambiando de estilo e de continente, a banda procedente de Boston, Guster, cantáballe a Amsterdam no álbum Keep It Together (2003).


En agosto de 2006 publicábase cadanseu álbum de dúas das bandas suecas indies máis emerxentes do momento, Mando Diao e Peter, Bjorn and John. Nos dous hai senllas cancións sobre Ámsterdam. O disco de Mando Diao é Ode to Ochrasy (2006).


Peter, Bjorn and John, que se fixeron moi famosos por outro tema do mesmo álbum, "Young Folks", tamén lle cantaron á capital neerlandesa en Writer's Block (2006).


Pero o interese por Ámsterdam non só embriagou a bandas da escena indie, senón que bandas consagradas coma Crowded House e músicos coma Paul Weller caeron rendidos ó seu encanto. Este último titulou a súa canción, "In Amsterdam", no álbum Wake Up the Nation (2010).

http://youtu.be/MraGyjvh4Ds

Ese mesmo ano publicábase o último disco ata o momento da banda de Neil Finn, Crowded House, Intriguer (2010), que tamén contén a súa particular "Amsterdam".

http://youtu.be/73BUuICE6LE

Imagine Dragons é outra das bandas que non pode faltar neste repaso. O marabilloso Night Visions (2012) tamén ten unha canción sobre Ámsterdam.

http://youtu.be/TKtPXO5iEnA

Rematamos esta entrada co "Amsterdam" de Daughter, unha das mellores cancións que contén o debut desta banda inglesa, If You Leave (2013).

http://youtu.be/Y0VaZ5A2QyU

martes, 14 de xaneiro de 2014

Don't Dream, It's Over

Unha das cousas boas da década dos 80 foi que a escena musical mundial tornou os seus ollos cara Australia e Nova Zelanda. Se no rock, AC/DC demostraran que non facía falta ir ós Estados Unidos e a Reino Unido para ser grandes, uns anos máis tarde toda unha fornada de bandas de pop/rock deses países lanzábanse a conquista-lo mundo e abofé que o lograron: INXS, Midnight Oil e tamén Crowded House deixaron ben claro que nos antípodas de Europa tamén se sabía facer moi boa música. A banda dos irmáns Finn, Crowded House, foi das que pronto se fixeron cun oco do corazón de milleiros de persoas, ó pouco de publicar o seu primeiro disco Crowded House (1986). Nel inclúese un dos grandes temas asinados por Neil Finn "Don't Dream, It's Over", que aínda hoxe é frecuente atopar nas radiofórmulas.


Hai excelentes versións de "Don't Dream, It's Over" en inglés e é difícil quedar con unha soa, porque de moitas mesmo se pode dicir que están a un nivel similar que a orixinal. Así que para variar pomos unha das primeiras versións que se fixeron noutro idioma, concretamente en italiano en 1991 na voz de Antonello Venditti no álbum Benvenuti in Paradiso. Cunha letra renovada que non garda relación coa da versión orixinal, "Alta Marea" chegou ós primeiros postos das listas italianas.


O rapeiro Classified acordouse da canción de Crowded House para incorporala ó seu tema "It Ain't Over" no álbum While You Were Sleeping (2007).


Pero se hai unha versión diferente en inglés é a dos irlandeses Dove, que en clave R&B, danlle un aire totalmente diferente.

martes, 30 de outubro de 2012

Everybody's Talkin'

Posiblemente Fred Neil non é dos cantautores estadounidenses dos anos 60 máis recordados pola súa traxectoria. Non obstante, Neil  compuxo unha das grandes cancións do século XX, "Everybody's Talkin'", do seu degundo álbum Fred Neil (1966). Malia que moitos ignoran que gravou a versión orixinal, a sona que colleu posteriormente este tema na voz de Harry Nilsson fixo que alomenos o nome de Fred Neil non caíse no esquecemento máis absoluto.


En 1968 outro autor estadounidense, Harry Nilsson gravou unha nova versión de "Everybody's Talkin'" para o seu terceiro disco Aerial Ballet, que con toda probabilidade non colleitaría o éxito masivo que tivo se non fose por que foi seleccionada como banda sonora da película "Midnight Cowboy", de xeito que hoxe moita xente para referirse a esta canción fala da banda sonora de "Cowboy de Medianoite".


Dende entón, as versións sucedéronse constantemente, como por exemplo a dos australianos Crowded House, xa que este é un dos tema favoritos de Neil Finn.


Tamén se empregou como sample nalgunha canción. Unha delas é a do produtor Paul Oakenfold que en 2002 aproveitou a melodía de "Everybody's Talkin'" para o seu tema "Starry Eyed Surprise", do álbum Bunkka.


Tampouco desmerece nada a canción de The Go! Team "Everyone's a V.I.P. to Someone"  do disco Thunder, Lightning, Strike (2004), un fermoso tema instrumental.