Amosando publicacións coa etiqueta Duran Duran. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Duran Duran. Amosar todas as publicacións

martes, 12 de xaneiro de 2016

The Crystal Ship

O rock psicodélico ía dar un paso substancial como subxénero do rock coa aparición do debut de The Doors en 1967. A banda de Jim Morrison presentouse con once cancións que ían sacudir a escena californiana primeiro e logo tamén a do resto do mundo. Pero en The Doors (1967) tamén había sitio para as cancións tranquilas e cheas de lirismo como "The End" e "The Crystal Ship" , que hoxe vos traemos. "The Crystal Ship" escolleuse como cara B do single "Light My Fire" co que The Doors acadou o primeiro posto nas listas americanas.

https://youtu.be/QehH-JWobEQ

Duran Duran foi unha das primeiras bandas en gravar unha versión de "The Crystal Ship" e fíxoo no álbum Thank You (1995), onde versionaban cancións dos sesenta e dos setenta.

https://youtu.be/mn826wPnO9Q

Un dos membros de The Doors, Ray Manzarek, versionou "The Crystal Ship" no seu álbum en solitario Ballads before the Rain (2008), dándolle todo o protagonismo ó piano.

https://youtu.be/NN6Ri5aw504

Unha das últimas versións que se fixeron de "The Crystal Ship" foi a de Andrea Corr no álbum Lifelines (2011).

https://youtu.be/9aCnbMyb2gc

mércores, 3 de decembro de 2014

My Own Way

Un dos discos máis aclamados de Duran Duran é Rio (1982), o segundo co que a banda de Simon Le Bon continuaba unha carreira que os ía levar a ser unha das bandas clave para entender a música dos oitenta, especialmente a corrente dos Novos Románticos que lideraron xunto con Spandau Ballet. Aínda así, na discografía de Duran Duran non todo é baladas e contén algúns temas bastante bailables. O single co que se estreou Rio é "My Own Way", que curiosamente, non é das máis recordadas do grupo, nin sequera dese álbum, xa que palidece entre outras como "Save a Prayer" e "Rio", que tiveron moito máis éxito. Por se fose pouco, "My Own Way" tampouco adoita aparecer nos sucesivos recompilatorios de grandes éxitos cos que de vez en cando, a compañía discográfica edita para que o nome do grupo permaneza na memoria colectiva.

http://youtu.be/G1awxNDK1w0

Quen si lle veu posibilidades a "My Own Way" foi o produtor de música house José Nunez, que en 2002 aproveitouna para que lle servise de apaño a "Air Race", un dos seus temas máis coñecidos.

venres, 11 de abril de 2014

Cavern

O movemento pust-punk deixounos para o recordo a bandas tan grandes coma The Clash e The Jam no Reino Unido, pero asemade noutros lugares coma nos Estados Unidos outros grupos apuntábanse a esta tendencia sen acadar os mesmos niveis de recoñecemento que fixeron destas bandas británicas emblemas dun son na década dos 80. Non obstante, o nome dalgunhas daquelas bandas aínda resoa nos oídos dos máis nostálxicos grazas a algunha canción que por un ou outro motivo chegou a ter máis repercusión que os propios autores que a puxeron en marcha. Iso foi o que aconteceu con Liquid Liquid, unha banda de Nova York que debutou en 1981. Dous anos despois editaban o segundo EP Optimo, que contén a canción pola que aínda hoxe son recordados, "Cavern". A canción en si non ten nada de especial, pero pouco despois de que se publicara, unha banda de hip hop, a Sugar Hill  House Band fixo unha versión en directo que lle daría a chave da posteridade á canción de Liquid Liquid.

http://youtu.be/Hkrpqx_5dAk

A interpretación desa versión de "Cavern" callou especialmente na discográfica Sugar Hill Records, que fora quen puxera en marcha esa versión. A ela pertencía o rapeiro Melle Mel, que xunto con Sylvia Robinson, escribiu a canción "White Lines (Don't Don't Do It)" engadindo a base da versión de "Cavern". "White Lines (Don't Don't Do It)" editouse como single en 1983 e tivo o éxito suficiente para traspasar os límites das listas de hip hop. Non era para menos, a letra da canción é todo un alegato contra as drogas, unha lacra que por desgraza, sempre estivo asociada ó movemento hip hop.


"White Lines (Don't Don't Do It)" conta cunha fantástica versión de Duran Duran no álbum Thank You (1995) co que a banda de Simon Le Bon repasaba algunha das súas cancións favoritas. Máis rockeira que a orixinal, a versión de Duran Duran contou tamén coa colaboración do propio Melle Mel.

http://youtu.be/VmIN9ulmy-E

E como non, moitos artistas, especialmente os que se dedican ó  hip hop, enseguida a samplearon. O primeiro exemplo que vos ofrecemos é o de Kon Kan, un músico de electropop, que en 1989 publicaba o disco Move to Move onde a canción "Arts in D Minor (Harry Houdini)" colle un anaquiño do son de "White Lines".

http://youtu.be/Zvvz7jCpWmU

martes, 21 de xaneiro de 2014

Let's Dance

David Bowie comezou a décadas dos 80 da mesma maneira coa que rematou á anterior: triunfando e sen deixar en ningún momento de ser un referente. Se Scary Monsters (and Super Creeps) (1980) aínda se podía entender coma unha continuación dos discos anteriores, de feito, sinálase como o último da triloxía berlinesa, Let's Dance (1983) mostraba a un novo Bowie, que renunciaba á produción con Tony Visconti, co que tan ben lle fora, e decidía traballar con Nile Rodgers, sumándose así á moda de moitos grupos que vían no fundador de Chic a clave do éxito rápido, cousa que podería sorprender tratándose dun artista consagrado coma Bowie. En calquera caso, Let's Dance superou as expectativas e o single que lle daba título ó disco está considerada hoxe como unha das mellores cancións do Duque Branco.

http://youtu.be/N4d7Wp9kKjA

A transcendencia que pronto obtivo "Let's Dance" pode apreciarse nunha das cancións de Duran Duran, que por aquela época era unha das bandas máis importantes do momento. O comezo de "Union of the Snake", canción do terceiro disco Seven and the Ragged Tiger, publicado a finais do ano 1983 ten algúns trazos que lembran a Bowie.

http://youtu.be/tyC3b_WG7N0

De "Let's Dance" tamén se sacaron samples moito máis recoñecibles, sobre todo por artistas de hip hop, coma Puff Duddy, que no álbum No Way Out (1997) incluíu este tema "Been Around the World", xunto con Notorious B.I.G e Mase baseado en "Let's Dance".

http://youtu.be/MCoAwpQagm0

O mesmo camiño seguiu Craig David en "Hot Stuff" no álbum Trust Me (2007).

http://youtu.be/LijjQi5l6bw

Tampouco ten maior historia a canción reggae de Collie Buddz "My Everything", de 2009, o sample só está ó comezo e quizais sexa o maior mérito da canción. Hai algunha máis, pero tampouco vale moito a pena mostralas. Con estas son suficientes.

http://youtu.be/XKqqGgeMmlg

xoves, 3 de xaneiro de 2013

Make Me Smile (Come Up and See Me)

Se hai unha canción optimista por excelencia, desas que arrincan un sorriso á primeira escoita e polo tanto, ideal para comezar un ano novo, esa é "Make Me Smile (Come Up and See Me)", o maior éxito que tivo Steve Harley & Cockney Rebel na súa andaina. Para iso Steve Harley tivo que esperar á publicación do seu terceiro disco The Best Years of Our Lives (1975).

http://www.goear.com/listen/c1cdba1/make-me-smile-steve-harley

Unha das versións máis temperás que se fixeron de "Make Me Smile" fíxoa Suzi Quatro no álbum de 1976 Aggro-Phofia, co retrouso lixeiramente máis lento que na versión orixinal.

http://youtu.be/REqz39A8aA8

A seguinte que tivo éxito foi a que Duran Duran incluíron na cara B do single "The Reflex" en 1984.

http://youtu.be/plVuh0NooOc

Mais unha das favoritas do propio Steve Harley é a versión punk que The Wedding Present realizaron no EP 3 Songs (1990).

http://youtu.be/5yLSEerKqqE

Non desmerece tampouco a versión de Erasure. A banda de Vince Clarke e Andy Bell acordáronse desta canción para o seu álbum de versións Other People's Songs (2003).

http://youtu.be/O7UDy7ua2DQ


xoves, 22 de novembro de 2012

Ashley's Roachclip

Na diversidade de novos estilos que trouxo a década de 1970, o nacemento da música funk foi do máis destacado para as pistas de baile. Do mesmo xeito, a combinación de sons que engloba este xénero nacido nos Estados Unidos, fixo que as cancións funks fosen unha fonte de samples para temas de nova creación, así como o seu ritmo pegadizo deixase un rastro bastante fácil de seguir en novas melodías. The Soul Searchers, unha das formacións que dende os seus comezos apostou polo funk, sábeo ben. A seu tema instrumental "Ashley's Roachclip", que aparece no seu segundo disco Salt of the Earth (1974) pode presumir de ser unha das cancións máis sampleadas de todas.


Imos quedar con algúns exemplos, xa que a lista sería moi longa se os puxésemos todos. Brian Eno, o ex integrante de Roxy Music e produtor de éxito, incluíu "Ashley's Roachclip" na canción "Ali Click" do seu álbum en solitario Nerve Net (1992).


Un dos máis célebres é o de Duran Duran, que a empregaron en "Come Undone", un dos éxitos do álbum Duran Duran (The Wedding Album) (1993).


E tamén Moby o empregou no seu terceiro disco Everything is Wrong (1995) na canción "First Cool Hive", antes de que o músico neoiorquino conseguise a fama mundial grazas ó seu seguinte disco Play, publicado catro anos despois.