Amosando publicacións coa etiqueta Aphrodite's Child. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Aphrodite's Child. Amosar todas as publicacións

venres, 6 de novembro de 2015

State of Independence

Nos últimos anos dos anos setenta produciuse un interesante encontro entre o músico grego Vangelis e Jon Anderson, líder de Yes, que se materializou na colaboración dos dous músicos nunha serie de discos ó longo de varios anos. Da estensa produción de ambos, queda na lembranza de todos a gran canción "State of Independence", que coroaba o segundo álbum, The Friends of Mr. Cairo (1981). O son electrónico, combinado con toques de reggae, fixo que a canción acadase bastante popularidade entre diversos sectores musicais como ben confirma a versión de Donna Summer, malia non entrar nas listas de éxitos a orixinal.


O disco epónimo de Donna Summer, editado en 1982, conta cunha das máis famosas versións de "State of Independence". Desde esta versión da raíña das pistas, a canción recibiu unha grande acollida, a pesar de que non serviu para que a orixinal se dese a coñecer mellor.


Coma un tributo a Donna Summer, The Art of Noise inclúen no EP co que debutaron,  Into Battle with the Art of Noise (1983), unha peza titulada "Donna", que reproduce as bases da versión de Summer.


Pero a versión máis orixinal de "State of Indepence" correspóndelle a banda Moodswings, no álbum Moodfood (1992), á que rebautizaron co nome de "Spiritual High" e a alongaron ata os doce minutos. Chrissie Hynde, de The Pretenders, ponlle voz na última parte.

luns, 28 de setembro de 2015

Chariots of Fire

Na historia da música hai unha morea de casos de posibles plaxios que acabaron nos tribunais. As máis sonadas, como non, son as que se efectúan sobre cancións que acadan un enorme éxito e algúns aproveitan a oportunidade para promocionar a súa obra, aínda que logo no xuízo se desestime o seu recurso, malia que moitos músicos actúan de boa fe. Un exemplo paradigmático foi a acusación no que se viu envolto o tema de Vangelis "Chariots of Fire", canción principal da película británica do mesmo nome e que acadou varios recoñecementos en 1981. Así mesmo, a melodía prendeu en seguida na cultura popular converténdose na peza instrumental máis coñecida de Vangelis, que á vez viu como moita xente descubría a súa música. Pero ninguén esperaba que tivese que defender "Chariots of Fire" nos xulgados.


E é que outro compositor grego, Stavros Logaridis, entendeu que "Chariots of Fire" parecíase moito a súa peza, "Merexederia Moliteia" (A cidade das violetas) e querelouse contra Vangelis. Pero no xuízo quedou demostrada a imposibilidade de que Vangelis coñecese esta obra de Logaridis, xa que non tivera a ocasión de escoitala. E para despexar dúbidas, a defensa de Vangelis alegou que a secuencia musical de "Chariots of Fire" xa estaba presente noutras composicións súas anteriores á elaboración da de Logadiris.

xoves, 22 de maio de 2014

The Four Horsemen

Na actualidade Vangelis e Demis Roussos son dous reputados músicos gregos que souberon levar o país helénico a un sitio destacado dentro do panorama musical internacional, mais ámbolos dous músicos, xunto con Loukas Sideras e Anargyros Koulouris tiveron unha orixe común: Aphrodite's Child, sen dúbida unha das bandas máis influíntes desde finais dos anos 60. E non obstante, Aphrodite's Child non tivo unha traxectoria moi longa, porque os membros pronto decidiron seguir facendo música por separado, e tan só  en cinco anos a andaina de Aphrodite's Child rematou con tres discos para a posteridade. No último, o dobre álbum 666 (1972) co que se despedían, atópase "The Four Horsemen", unha das cancións máis recordadas da breve pero intensa carreira de Aphrodite's Child.

http://youtu.be/QVExlaxaweo

A influencia concreta de "The Four Horsemen" deixou pegada en dúas dúas cancións das últimas décadas. Para a banda de Richard Ashcroft, The Verve, a canción "The Rolling People", que aparece no exitoso Urban Hymns (1997) dos británicos, debe boa parte da inspiración á de Aphrodite's Child.

http://youtu.be/8p7jMXnLewY

O mesmo se pode comentar do tema de Beck "Chemtrails", do álbum Modern Guilt (2008) cuxo son remite de maneira clara á canción dos gregos.

martes, 25 de marzo de 2014

Plaisir d'amour

A partir dun poema do escritor romántico Jean-Pierre Claris de Florian, Jean-Paul Égide Martini compuxo unha canción á que titulou "Plaisir d'amour", nun momento en que a corrente do Romanticismo dominaba tódolos xéneros artísticos en Europa. A composición de Martini non tardou en triunfar en Francia, e a comezos dos século XIX "Plaisir d'amour" era practicamente un clásico que as principais voces da ópera non se resistínan a interpretar. Pero tamén fóra dos círculos clásicos, "Plaisir d'amour" tamén tivo unha excelente acollida que se estende ata a actualidade.


Un dos principais motivos polo que a popularidade de "Plaisir d'amour" se espallou alén dos anos 60 ante o gran público débese a canción que Elvis Presley interpretou coa base de "Plaisir d'amour", a célebre "Can't Help Falling in Love", que é practicamente unha versión nova cunha letra diferente, pero mantendo a mesma melodía. Pertence o álbum Blue Hawaii (1961).


Tamén Aphrodite's Child fixo unha nova adaptación de "Plaisir d'amour" na canción "I Want to Live" en 1969, single que finalmente no incluíron en ningún dos poucos discos que publicaron.

http://youtu.be/UlPd5C2r3Og

Coa enorme popularidade que collían tódalas cancións de Elvis Presley, "Can't Help Falling in Love" conta cunha estensa lista de versións, pero a que máis repercusión tivo nas últimas décadas foi a dos irlandeses UB40 en clave reggae, nun dos seus discos máis exitosos Promises and Lies (1993).


Unha das versións en castelán máis sorprendentes é a de Mägo de Oz no álbum Belfast (2004), á que titularon "Todo irá bien". 


Ese mesmo ano The Who publicaban unha compilación de grandes éxitos chamada Then and Now (2004), onde a banda de Pete Townshend incluía un tema inédito baseado en "Can't Help Falling in Love", que servía de homenaxe a Elvis Presley. Trátase de "Real Good Looking Boy".

xoves, 26 de decembro de 2013

The Eyes of Truth

Michael Cretu, o artífice de Enigma, demostrou que sabía crear auténticos cócteles musicais mesturando as máis variadas tendencias e estilos de xeito arriscado, pero cun resultado perfectamente coherente que se convertiu no selo inconfundible de Enigma. Iso de empregar cantos gregorianos con sons propios das discotecas chegou a escandalizar no seu momento, mais a ninguén se lle escapa hoxe que a contribución de Cretu é máis que positiva. "The Eyes of Truth", canción do álbum The Cross of Changes (1994), resume moi ben o labor de Enigma, ese estilo peculiar de crear algo novo a partir do xa existente. En "The Eyes of Truth" conflúen unha variedade de samples dos máis diversos estilos que a converten nunha amálgama única, e todo concentrado en apenas algo máis de cinco minutos.


Un dos samples que Cretu empregou pertence ó tema de Vangelis "Mare Tranquilitatis", do álbum  Albedo 0.39 (1976). Unha forma de homenaxear a un dos pioneiros da música electrónica e experimental do que Cretu tanto aprendeu.


Mais as influencias que inspiran o tema de Enigma son  practicamente coétaneas do álbum The Cross of Changes e pertencen a cancións que se editaran pouco tempo antes. O disco de Anne Dudley e Jaz Coleman  Songs from the Victorious City (1991) foi decisivo para a composición de "The Eyes of Truth", como ben reflicte "Endless Festival".


Por outra parte, cómpre sinala-la influencia dos últimos traballos de  Genesis e de Peter Gabriel nesta canción . En "Eyes of Truth" atopamos un rastro directo do tema de Genesis "Dreaming  While You Sleep", do álbum We Can't Dance (1991).


Tamén resulta curioso o leve parecido da canción de Peter Gabriel "Kiss That Frog" do álbum Us (1992) co tema anterior dos seus ex compañeiros de Genesis, e de certa maneira, Cretu soubo aproveitalo.


E tamén de xeito moi directo está presente U2 con"Ultraviolet (Light My Way)", pertencente ó gran álbum Achtung Baby (1991). Ese traballo foi o mellor dese ano, e tendo en conta a cantidade de temas que Cretu emprega do ano 1991, resultaría raro que se lle pasase desapercibido a Cretu.


E dando unha volta máis, "Ultraviolet (Light My Way)" lembra moitísimo no retrouso á canción de The Rolling Stones "Out of Time", pertencente a  Aftermath (1966). Seguro que Cretu non recorreu a ningún tema dos Stones precisamente porque xa se atopaban ecos dun deles na canción de U2.



martes, 10 de decembro de 2013

Kanon und Gigue in D-Dur

Talvez a obra completa de Johann Pachelbel non sexa moi coñecida alén daqueles que coñezan ben a historia da música clásica, mais a importancia deste compositor nacido en Nuremberg en 1653 non se debe infravalorar. Arredor do ano 1680, Pachelbel compuxo a obra que habería de labra-lo seu nome na posteridad "Kanon un Gigue in D-Dur für drei Violinen und Basso Continuo", coñecida de forma abreviada como "Canon en re maior". Malia que a peza está pensada, tal como recolle o título, para tres violíns e un baixo continuo, o certo que a popularidade que acadou co tempo fixo que nalgunhas execucións se acabase incluíndo outros instrumentos, que non desvirtuan en absoluto a maxia que transmite a melodía. Non obstante, a técnica que emprega Pachelbel no Canon transcendeu máis aló das pautas clásicas e arestora non se entenderían algunhas cancións de pop rock sen a súa achega.


Como xa vimos algunha vez, nos anos 60 ponse de moda incorporar obras clásicas populares ós sons contemporáneos, xa sexa facendo versións cos novos instrumentos ou ben engadindo as melodías a cancións actuais. En 1968, a melodía do "Canon" vai dar lugar a dúas cancións que se haberían de colocar nos primeiros postos das listas de vendas dos seus respectivos países. Unha delas é a canción dos españois Pop Tops "Oh Lord!, Why Lord?"

http://youtu.be/9mx1Ah9dTuY

A segunda é "Rain and Tears" dos gregos Aphrodite's Child, o proxecto en común que tiñan Vangelis e Demis Roussos. Con esta canción conquistaron Europa.


Pero esquezámonos un momento da melodía do "Canon" e reparemos na estrutura, que viviu unha época de esplendor nos anos 90, ó ser reproducida nunhas cantas cancións. Vexamos dúas das que máis éxito tiveron. Unha é o single de Green Day "Basket Case", do álbum Dookie (1994).

http://youtu.be/GTwJo0HeNmU

A segunda é "Hook", un tema de Blues Traveler que aparece no álbum dos de Nova Jersey Four (1995).

http://youtu.be/arUpcpRR568

E se alguén pensaba que o "Canon" de Pachelbel non podía ter máis recorrido co cambio de século, hai que dicir que o músico taiwanés JerryC fíxose famoso en 2005 cunha versión rock, co título precisamente de "Canon Rock", o que confirma que o "Canon" soa ben con calquera instrumento. Quen llo ía dicir a Pachelbel!

http://youtu.be/4PjEaHGXhLM