Amosando publicacións coa etiqueta Nine Inch Nails. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Nine Inch Nails. Amosar todas as publicacións

martes, 24 de novembro de 2015

Amen

Os himnos gospel tradicionais tamén tiveron unha grande acollida na música popular, sobre todo a raíz das gravacións dos cantantes de soul e R&B, que non dubidaban en incluílas nos seus traballos discográficos. Polo tanto, a calquera que lle guste minimamente a música se lle ocorren un par de títulos. Un deles é con toda probabilidade "Amen", que The Impressions e Curtis Mayfield prepararon para a banda sonora da película de Sidney Poitier Lilies of the Field (1963). Malia que non era a primeira vez que se gravaba este himno, xa o fixeran the Wings Over Jordan Choir en 1948, a nova versión puxo en primeira liña a "Amen", grazas ó empuxe do cine, ademais da coidada produción e os arranxos que Jester Hairston fixo para a ocasión.


"Amen" contou con versións de artistas tan importantes coma Otis Redding, pero é a de The Winstons a que acadou maior notoriedade debido a secuencia de batería de G. C. Coleman. Rebautizada co título "Amen Break", editouse en 1969 e desde ese momento, son innumerables a de veces que outros músicos "tomaron prestada" esa secuencia, tanto que hai poucas semanas saíu unha sentenza na que se lle recoñece dereitos de "royalties" a G. C. Coleman polo uso indebido da súa creación. Aínda que se ten que pór no xulgado tódolos casos e acabasen por darlle a razón, faríase de ouro.


Aquí van ó chou algúns exemplos recoñecidos que se aproveitaron en algunnha medida do "Amen Break". Son cancións que saíron no mesmo ano, o que dá idea do tirón da secuencia. A primeira é o "Firestarter" de The Prodigy, do álbum The Fat of the Land (1997).

https://youtu.be/WW6-b5nNb9U

Cando saíu o álbum de The Prodigy a crítica viu un achegamentoa música de Nine Inch Nails, o que non deixa de ser verdade, pois a banda de Liam Howlett ten en común coa de Trent Reznor o mesmo gusto por "Amen Break", como se pode apreciar en "The Perfect Drug", canción da banda sonora da película Lost Highway (1997).

https://youtu.be/c-QnnLudkQA

E como non podía ser doutro modo, Oasis non podían quedar atrás e tomaron algunha parte en "D'You Know What I Mean", single co que os Gallagher presentaban Be Here Now (1997).

https://youtu.be/GjwRIjrC4io

luns, 10 de novembro de 2014

Hurt

O rock industrial acadou unha nova categoria coa aparición de Nine Inch Nails a finais dos oitenta. De súpeto, o ritmo machacón e o máis parecido a unha forte dor de cabeza sofisticábase co talento de Trent Reznor, a alma máter do grupo, que se encarga de darlle a Nine Inch Nails unha personalidade propia desde as composicións dos temas ata a produción dos discos, controlando cada proceso polo que se transformaba a banda. A publicación do segundo álbum, The Downward Spiral (1994) acabou por convencer ós máis escépticos, pois as excepcionais cancións que o compoñen fixeron a ver a moitos que o poderío de Nine Inch Nails era dos que deixan unha profunda pegada. A canción que pecha o álbum é "Hurt", un dos singles nos que se asentou o éxito do grupo.

http://youtu.be/htmKZKR7oyc

Non adoitan abundar as versións de cancións rock con base no techno e no heavy e moito menos en estilos afastados deste, pero ata o mesmo Trent Reznor sentiuse realmente admirado cando Johnny Cash versionou "Hurt" no álbum de versións American IV: The Man Comes Around (2002) cun son acústico. Quedoulle tan ben que mesmo conseguiu superar á orixinal, reto do que non todo o mundo pode fachendear.

xoves, 30 de agosto de 2012

Nightclubbing

Cando Iggy Pop decidiu deixar de lado a  súa banda  The Stooges para comezar unha carreira en solitario decidiu asociarse con David Bowie para crear un álbum de debut que o consagrase como un rockeiro de lenda. E foi así como en 1977 apareceu no mercado The Idiot, un título que homenaxeaba a novela de Dostoyevski. Unha das cancións máis destacadas é o corte 2 "Nightclubbing" cuxo son de batería ía ser moi  prezado por outros artistas.


Catro anos despois Grace Jones ía versionar esta canción no seu quinto álbum Nightclubbing e que aínda constitúe a mellor versión deste tema.


Mais como comentamos antes, a batería de "Nightclubbing" sampleouse nalgunhas ocasións. A última na canción de Oasis "Force of Nature" do álbum Heathen Chemistry (2002).


Pero se hai un artista que soubo integrar perfectamente esa batería a un dos seus temas ese é Trent Reznor. O líder de Nine Inch Nails empregouno na canción "Closer" do álbum de 1994 The Downward Spiral, segundo traballo de Nine Inch Nails.


"Closer" é un dos temas máis versionados de Nine Inch Nails. Mesmo foi sampleado algunha vez, dándolle unha volta de rosca. Os responsables son 30 Seconds to Mars. A banda de Jared Leto ten interpretado  en directo "The Fantasy", do seu segundo disco A Beautiful Lie (2005) empregando "Closer".