Amosando publicacións coa etiqueta The Stranglers. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta The Stranglers. Amosar todas as publicacións

xoves, 26 de marzo de 2015

Walk on By

Non cabe dúbida de que a parella de compositores formada por Burt Bacharach e Hal David é das máis prolíficas da historia da música, e ademais, boa parte desas composicións acadaron un éxito masivo en voces de distintos artistas, que logo eran versionadas por outros co mesmo resultado. En resume, pódese asegurar que gravar unha canción asinada por eles é practicamente unha garantía de éxito, sempre que elementos tan importantes como a produción e a interpretación estean minimamente coidados. Un exemplo típico é "Walk on By", unha das que ten máis versións, xa que desde que Dionne Warwick a editase no álbum Make Way for Dionne Warwick (1964) non se deixaron de facer novas versións. Imos ver unhas poucas, empezando pola de Dionne Warwick.


Un dos grandes mestres do soul dos sesenta como Isaac Hayes non ía deixar escapar a ocasión de gravala ó seu xeito. A súa sensacional versión, de máis de dez minutos de duración,  publicouse no álbum Hot Buttered Soul (1969).


Pero non tódalas versións se circunscriben ó ámbito soul. Unha das máis rompedoras, en clave punk rock, é a de The Stranglers no álbum Black and White (1978).


Máis clásica pode considerarse a versión de Gabrielle no seu álbum epónimo publicado en 1996.


E para rematar, a canción de Alicia Keys "If I Were Your Woman/Walk on By", que como indica no título, é un medley composto coa canción composta por Burt Bacharad e Hal David e outra que cantaron Gladys Knight & The Pips. Pertence ó segundo álbum de Alicia Keys The Diary of Alicia Keys (2003).

https://youtu.be/hKcpZ1_GB8A

mércores, 18 de decembro de 2013

Golden Brown

The Stranglers era xa máis que unha banda consagrada cando en 1981 sacaron o seu sexto disco La Folie, posiblemente o seu mellor álbum. E por sorpresas desas coas que ás veces nos sorprende a música, nese traballo atópase a gran canción coa que aínda hoxe moitos recordan á banda composta por Jet Black, "Golden Brown". Outra curiosidade é a harmonía e o son. Se a andaina de The Stranglers os caracteriza como unha banda de punk rock, que o tema máis lembrado sexa esta fermosa balada, totalmente afastada do son habitual, non deixa de ser unha brincadeira do destino coa que de vez en cando tropezan os grupos co son máis duro.

Son moitas as versións que se fixeron de "Golden Brown", pero na nosa opinión, ningunha está á altura da orixinal. Tamén se ten empregado de sample, xa que a melodía é inesquecible, e igualmente, ningunha canción supera á de The Stranglers. Unha das máis destacadas é a de Jamelia "No More", que aparece no álbum Walk with Me (2006) e aínda así, é un tema bastante insubstancial onde a base de "Golden Brown" é o único que fai que esta canción teña algún interese.

luns, 23 de setembro de 2013

No More Heroes

The Stranglers foi unha das bandas británicas que inauguraron o movemento da New Wave. O seu segundo disco No More Heroes (1977) tivo unha boa acollida grazas sobre todo á canción que lle dá título ó álbum. "No More Heroes" é unha fabulosa canción arredor dalgúns personaxe históricos, tanto reais coma Shakespeare, coma da ficción no caso de Sancho Panza. Co paso do tempo, "No More Heroes" mostrásenos coma un gran tema que impide que de a banda que Jet Black formou a mediados dos 70 quede relegada a un segundo plano que non lle corresponde, ó tempo que revaloriza tamén as cancións posteriores da banda, que a converten nunha das máis interesantes desa época.


A banda de Justine Frischmann e de Justin Welch, Elastica, xa tivera que sortear as críticas que suscitou a publicación do single "Connection" por posible plaxio dun tema de Wire. Por iso aínda sorprendeu máis que o seguinte single "Waking Up" se situase tamén no punto de mira polo parecido que tiña o riff de guitarra coa canción de The Stranglers. Se ben é verdade que non tivo tanto éxito como o seu predecesor, "Waking Up" supúxolle unha sona de copionas ás integrantes de Elastica, que seguramente, no peor dos casos, non axudou a que a banda tivese unha andaina de longo recorrido. Os dous singles pertencen o disco epónimo, co que Elastica debutou en 1995, tamén o máis exitoso que tiveron.