Amosando publicacións coa etiqueta The Corrs. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta The Corrs. Amosar todas as publicacións

martes, 12 de xaneiro de 2016

The Crystal Ship

O rock psicodélico ía dar un paso substancial como subxénero do rock coa aparición do debut de The Doors en 1967. A banda de Jim Morrison presentouse con once cancións que ían sacudir a escena californiana primeiro e logo tamén a do resto do mundo. Pero en The Doors (1967) tamén había sitio para as cancións tranquilas e cheas de lirismo como "The End" e "The Crystal Ship" , que hoxe vos traemos. "The Crystal Ship" escolleuse como cara B do single "Light My Fire" co que The Doors acadou o primeiro posto nas listas americanas.

https://youtu.be/QehH-JWobEQ

Duran Duran foi unha das primeiras bandas en gravar unha versión de "The Crystal Ship" e fíxoo no álbum Thank You (1995), onde versionaban cancións dos sesenta e dos setenta.

https://youtu.be/mn826wPnO9Q

Un dos membros de The Doors, Ray Manzarek, versionou "The Crystal Ship" no seu álbum en solitario Ballads before the Rain (2008), dándolle todo o protagonismo ó piano.

https://youtu.be/NN6Ri5aw504

Unha das últimas versións que se fixeron de "The Crystal Ship" foi a de Andrea Corr no álbum Lifelines (2011).

https://youtu.be/9aCnbMyb2gc

xoves, 27 de agosto de 2015

Smalltown Boy

Na convulsa era da new wave cunha manchea de novos grupos irrumpindo na escena, non parecía doado que toda aquela efervescencia musical pervivise trinta anos despois. Mentres que a obra enteira de moitas bandas se consagrou á categoría de clásica dos oitenta, outras teñen a fortuna de ter deixado para a posteridade tan só unha canción, un éxito imperecedeiro que fará que o nome do grupo perviva co paso do tempo. Isto pode aplicarse a Bronski Beat, unha banda de electropop procedente de Londres, que só publicou dous discos antes de volver a intentalo cun terceiro a mediados dos noventa. O que máis éxito tivo foi o primeiro, The Age of Consent (1984), grazas sobre todo a un trallazo como "Smalltown Boy", onde os membros de Bronski Beat reivindican a súa condición homosexual nunha sociedade aínda tremendamente homófoba. Non lograron repetir o éxito de "Smalltown Boy" e pouco despois o vocalista, Jimmy Sommerville, formou The Communards, cos que lle iría algo mellor.


Paradise Lost foi a primeira banda en facer unha versión de "Smalltown Boy" en clave métal. Pechaba o noveno álbum da banda, Symbol of Life (2002).


Outra versión diferente, en clave sinfónica, é a de Sharon Corr no seu primeiro álbum en solitario, Dream of You (2010).


No último álbum en solitario de Brandon Flowers, The Desired Effect (2015), atópase a canción "I Can Change" baseada na de Bronski Beat.

luns, 13 de xaneiro de 2014

Only When I Sleep

Se no debut de The Corrs en 1995 predominaban os ritmos celtas por riba dos estilos máis comerciais, a tendencia que haberían de seguir os irmáns irlandeses tralo segundo disco pasaba por ir dándolle maior protagonismo ó pop sen renunciar ó son folk que os encumbrara ó alto das listas de vendas. Quizais por iso a presentación de Talk on Corners (1997) producíase co single "Only When I Sleep", aínda musicalmente moi apegado ós violíns e ás frautas, co que o éxito quedaba garantido trala primeira escoita, algo que ten en común cos demais singles dese disco, cuns cortes moi semellantes, pero coa melodía e a produción precisa que todo single de lanzamento debe ter.


Por cousas desas que tanto adoitan pasar no mundo da música, a finais dos anos 90 The Cult participou na banda sonora da película Gone in 60 Seconds (2000), protagonizada por Angelina Jolie e Nicolas Cage. A banda de Ian Astbury, que quince anos antes saboreara o mel das boas críticas con "She Sells Sanctuary", achegaba nesta incursión no cinema unha canción escrita por Diane Warren chamada "Painted in My Heart", pero nalgún momento da composición musical ou da produción, acabou por parecerse á de The Corrs. Misterio.

martes, 9 de abril de 2013

Radio

A entrada de hoxe vai dedicada á radio, un medio fundamental na difusión da música durante o século XX, que co desenvolvemento da frecuencia modulada, fixo que os acordes se espallasen polas ondas chegando a tódolos lugares e facendo posible que a música se diversificase en novos xéneros e estilos. A importancia da radio tívoa moi en conta moitos artistas que lle dedicaron algunha canción, así que é obrigado repasar algunha desas cancións que lle renden homenaxe. Aquí vai algúns exemplos.

Comezamos con "On the Radio" da fantástica Donna Summer, unha canción de 1979 que aparece no álbum  On the Radio: Greatest Hits Volumes 1 & 2


O músico country tamén lle dedicou unha canción á radio co significativo título "Listen to the Radio", do álbum homónimo de 1982.



Nesta pequena lista non podía faltar "Radio Gaga", a canción de Queen escrita por Roger Taylor no álbum The Works (1984). Seica nunha ocasión Taylor non atopaba nada decente na radio e todo o que emitían parecíalle pouco menos ca lixo e así naceu esta canción.


En 1999 The Corrs gravou un concerto en acústico coas súas mellores cancións onde incluíron "Radio", que logo aparecería no recompilatorio Best of The Corrs.


Por último, rematamos coa canción de Joaquín Sabina "69.G", que malia a non conter a palabra radio no título, é toda unha homenaxe a este medio. Aparece no álbum Dímelo en la Calle (2002).

xoves, 7 de xuño de 2012

Everybody's Got to Learn Sometime

Como acontece con moitos grupos e artistas, The Korgis fica na memoria colectiva da xente por unha soa canción que perpetuou  á banda de James Warren na historia musical do pop. Pero que canción! "Everybody's Got to Learn Sometime", do segundo álbum da banda británica Dumb Waiters (1980) é das baladas máis espectaculares da década dos 80.


Unha das versións máis interesantes é a que fixo Beck para a a banda sonora da película Eternal Sunshine of the Spotless Man en 2004.


Dese ano tamén destaca a versión que fixo Zucchero con Vanessa Carlton, e en 2008 apareceron novas versións a cargo de Krezip, Daniël Lohues, Laidback  Luke, Robyn Loau e Glasvegas e  en 2009 destaca a dos suecos The Field, do álbum Yesterday and Today; pero imos quedar agora coa de Sharon Corr de 2010 do seu álbum en solitario Dream of You.

xoves, 10 de maio de 2012

When the Stars Go Blue

Ryan Adams publicou o seu segundo disco Gold en 2001, un ano despois do seu debut en solitario tras pasar un certo tempo en Whiskeytown. Este segundo traballo consagrou a Ryan Adams como un dos cantantes de country alternativo máis prometedores da nova década, con cancións tan destacadas como "New York, New York", "Sylvia Plath" e "When the Stars Go Blue", a súa canción máis coñecida e versionada.


Unha das primeiras versións que se fixeron foi a que gravaron os irlandeses The Corrs xunto co seu compatriota de U2 Bono para un álbum en directo: VH1 Presents: The Corrs, Live in Dublin (2002) e que aparecería remesturada en 2007 para o álbum recompilatorio Dreams: The Ultimate Corrs Collection.


Pero 2006 foi o ano das versións para este temazo de Ryan Adams. Tim McGraw, os noruegueses Venke Knutson & Kurt Nilsen e a cantautora Sevigny gravaron cadansúa versión. Quedamos agora coa da lucense Sevigny, que debutou ese ano con Melalcoholic, e de paso confirmaba o bo momento das cantautoras indies na escena española, xa que xunto con Russian Red e Anni B Sweet forma parte dunha nova xeración que segue a estela emprendida hai unhas décadas por Christina Rosenvinge e Mercedes Ferrer, entre outras, e que por outra parte, seguen ó pé do cañón.



martes, 14 de febreiro de 2012

Dreams

En febreiro de 1977 Fleetwood Mac publicou Rumours, o segundo álbum trala incorporación de Lindsey Buckingham e Stevie Nicks e que supuxo un achegamento a un son máis comercial. Mais o prezo que tivo que pagar a banda angloamericana polo éxito masivo que estaban a colleitar trala extensa xira do álbum anterior foi moi caro. As relacións persoais entre os membros da banda comezaron a deteriorarse dunha maneira notable e nese ambiente gravouse Rumours, que co tempo sería un dos traballos máis recordados de Fleetwood Mac, grazas entre outras cancións a "Dreams", unha canción de Stevie Nicks que reflicte moi ben o momento que estaban atravesando.


En 1998 publicouse un álbum de tributo a Fleetwood Mac onde outros artistas interpretaban os seus éxitos. Unha das versións máis destacadas é a da banda irlandesa The Corrs que souberon darlle o seu persoal toque folk a "Dreams". Legacy: A Tribute to Fleetwood Mac's Rumours recolle o mellorciño desta banda.

 http://www.goear.com/listen/db43e0d/dreams-the-corrs

"Dreams" foi versionada tamén por outros moitos artistas que, ou ben publicaban álbums con versións das súas cancións favoritas, ou ben aproveitaban para enlazar esta canción con outras propias no transcurso dun concerto. Destacamos a versión que The Morning Benders realizaron para o seu traballo de versións The Bedroom Covers de 2008.

 http://www.goear.com/listen/439dcf8/dreams-fleetwood-mac-cover-the-morning-benders