Amosando publicacións coa etiqueta Keane. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Keane. Amosar todas as publicacións

venres, 3 de xullo de 2015

Sun (3)

E agora que chegou o verán ó hemisferio norte, volvemos retomar unha nova entrega monográfica sobre o sol. Polo tanto, velaquí tendes outras seis cancións que conteñen a palabra "sun" no título e que nos serve de excusa perfecta para presentárvolas. Oxalá vos gusten. Empezamos con "Sun Is Shining" de Bob Marley, incluída no álbum Kaya (1978).


Outra da que tamén nos acordamos é a de Manic Street Preachers "You Stole the Sun from My Heart", canción pertencente a This Is My Truth, Tell Me Yours (1998).


The Libertines tamén nos sorprenderon con "Don't Look Back into the Sun", single que a banda inglesa editou en 2003.


Nesta selección de temas coa palabra "sun" no título non podía faltar a marabillosa canción de Queens of Stone Age "My God Is the Sun", single de lanzamento de ...Like Clockwork (2013).


No compilatorio de grandes éxitos que Keane editou en 2003 co título The Best of Keane está a canción inédita "Higher Than the Sun".


E rematamos cun tema do máis recente, "Seven Suns", de Raury, un músico estadounidense que editou o seu primeiro álbum no pasado agosto, Indigo Child (2014) e no que se atopa esta fantástica canción que agora se empeza a coñecer en todo o mundo.

luns, 20 de abril de 2015

Bend and Break

Non parecía posible que nun mundo musical cada vez máis sofisticado a ausencia de guitarras en todo un álbum fose a triunfar e con todo, Keane presentouse en sociedade con só un piano e unha batería, e converteuse nunha das bandas revelación de 2004. Tom Chaplin, Tim Rice-Oxley e Richard Hughes souberon facer que unha carencia fose no fondo un engado no álbum co que se deron a coñecer, Hopes and Fears (2004). Lograron deste xeito crear un son orixinal moi fácil de identificar cunha banda que acababa de facer a súa aparición estelar, o que unido a unhas letras traballadas e a doce voz de Chaplin, garantían unha boa acollida por parte do público. "Bend and Break" foi un dos últimos singles que sacaron dese disco, pero tamén unha das cancións máis aclamadas.


Chicane remesturou "Bend and Break" en 2006 e acabou por elaborar unha nova canción coa base e o retrouso da de Keane. Titulouna "Wake Up".

martes, 17 de febreiro de 2015

The Sun Ain't Gonna Shine (Anymore)

Boa parte da carreira musical de Frankie Valli desenvolveuse con The Four Seasons, que lograron os seus maiores éxitos durante os sesenta e os setenta, pero iso non impediu que Valli editase uns algúns discos en solitario, sen interferir no devir do grupo. Co nome de Solo (1965), que xa deixaba claro que era un álbum paralelo ós de The Four Seasons, Frankie Valli presentaba unha colección de cancións na que se incluía "The Sun Ain't Gonna Shine (Anymore)", tema escrito por Bob Gaudio e Bob Crewe; este último tamén se encargaría da produción. Trátase dun tema típico daqueles anos, que reproduce a estrutura lírica do pop máis en alza do momento.


Non obstante, "The Sun Ain't Gonna Shine (Anymore)" acadaría unha maior popularidade nas voces de The Walker Brothers, nun álbum que levaba o mesmo título cá canción e que lle serviría a este trío para darse a coñecer.


A última versión coñecida de "The Sun Ain't Gonna Shine (Anymore)" é a que Keane editou en 2005.

martes, 24 de setembro de 2013

Dust in the Wind

Kansas, a banda formada en 1970 por Kerry Livgren, Dave Hope e Phil Ehart, inmortalizou o seu nome nunha desas cancións que non tardan en acadar o estatus de clásicas. Esa canción que lle deu o pase ó estrelato é "Dust in the Wind", incluída no disco Point of Know Return (1978). Malia que a temática da que trata está nas orixes da escrita e sérvese do trillado tópico do tempus fugit, a canción asinada por Livgren combina unha letra de contido universal cunha melodía verdadeiramente bela que afonda perfectamente no sentimento meláncolico que transmite. Repetida en varios anuncios publicitarios e protagonista na banda sonora dalgunhas películas, "Dust in the Wind" sempre será unha canción recoñecible durante moitas xeracións.

http://youtu.be/_wp4O7v5320

E que dicir das versións se fixeron? Algunhas certamente boas, aínda que non tan sublimes coma a orixinal. Imos ver algunhas das máis curiosas. A primeira, a de Snow no álbum Cooler Conditions (1999). O artista canadiano titulouna "Hard Life".

http://youtu.be/14P3mp61wNQ

Dese mesmo ano é tamén a excelente versión de Eric Benet en clave R&B. Pertence ó disco A Day in the Life.

http://youtu.be/l6fgt5eNLQE

O ano 1999 mostrouse prolífico en presenza da canción de Kansas. Jordan Knight colleu o comezo da letra, así como parte da melodía para a súa canción "Close My Eyes". Está incluída no disco epónimo do ex integrante de New Kids on the Block.

http://youtu.be/RPh_Bq0e1Dc

En castelán atopamos a versión de Mägo de Oz. Co título de "Pensando en ti" xa deixa ás claras que a letra non é unha adaptación da orixinal, pero quedoulles ben. Apareceu por primeira vez no álbum en directo Fölktergeist (2002) e no DVD A Costa da Rock do ano seguinte, tamén en directo. Despois gravárona no estudio para a cara B do single "El que quiera entender que entienda", un dos que lanzaron para promocionar A Costa da Rock.

http://youtu.be/oxpPTOgEL90

Logo tamén hai críticos que sinalan que Keane empregou algún riff de "Dust in the Wind" para o tema "Everybody's Changing", un dos singles extraídos de Hopes and Fears (2004). Na nosa opinión, non atopamos similitudes evidentes que relacionen ámbalas dúas cancións, pero déixamola aí.

http://youtu.be/5KiuXwYMqOI

venres, 10 de maio de 2013

I'm Throwing my Arms around Paris

Os fans de The Smiths respiraron tranquilos cando Morrisey anunciou a súa carreira en solitario, xa que o estilo do líder da banda de Manchester garantía que o espíritu de The Smiths continuaba vivo, malia que tamén se esperaba unha lóxica renovación no estilo. En calquera caso, Morrisey non defraudou, a pesar de que xa non tiña ó lado a Johnny Marr para poder dicir que The Smiths seguían aí e alomenos quedaba a sensación que The Smiths non marcharan de todos. Morrisey segue a facer grandes cancións e en 2009 editou Years of Refusal (2009) que contén excelentes cancións coma "I'm Throwing my Arms around Paris".


E se The Smiths era unha fonte de inspiración para moitos artistas, Morrisey continuouno sendo igual. Keane, que é das últimas bandas que máis recordan o estilo de The Smiths teñen no seu último disco Strangeland (2012) o fabuloso tema "Silence by the Night", primeiro single e que tanto lembra a canción de Morrisey.

luns, 4 de marzo de 2013

Closer Now

No ano 2000 púxose en funcionamento en Reino Unido unha nova banda de pop rock na escena independente co nome de Keane. Composta por Tom Chaplin, Dominic Scott, Tim Rice-Oxley e Richard Hughes, Keane comezou lanzando singles uns anos antes de que conquistasen ó gran público co seu primeiro álbum Hopes and Fears, de 2004. O single co que debutaron foi "Call Me What You Like", aínda que unha das mellores cancións se atopaba na cara B deste single. "Closer Now".


Curiosamente, pese a estar na cara B dun single e non estar recollida posteriormente en ningún disco, "Closer Now" conta cunha versión de nada máis e nada menos que Annie Lennox, malia que pode parecer unha canción diferente, xa que a ex componente de Eurythmics titulou de forma diferente a súa versión, que se chama "Pattern of My Life". Está incluída no recompilatorio de grandes éxitos The Annie Lennox Collection, publicado en 2009.

xoves, 10 de xaneiro de 2013

Ladder to the Sun

Chris Martin é hoxe en día dos artistas máis prolíficos que pululan polo panorama musical. Ademais de ser o gran artífice de case tódalas cancións de Coldplay, tamén non ten reparo en compór para outros artistas coma Nelly Furtado. Cada vez que prepara un novo traballo do seu grupo, Chris adoita mostrar todo o seu talento creativo, algo que máis tarde leva á banda a facer unha escolla para elixir as cancións merecentes de estar no novo álbum. Malia os descartes, Chris non renuncia a interpretalos nos concertos e co tempo, seguramente teremos un disco coas caras B de Coldplay. "Ladder to the Sun", de 2002, é un deses temas que de momento, non atopamos en ningún dos discos que publicaron, pero que de vez en cando, Coldplay agasalla ós seus fans nos concertos.


Unha canción moi semellante a "Ladder to the Sun" que ten tamén como protagonista o piano e que tampouco aparece en ningún LP é "Thin Air", o tema de Keane, que finalmente non foi incluído no segundo traballo do trío inglés Under the Iron Sea (2006), mais si se editou como cara B do single "Nothing in My Way".