martes, 24 de setembro de 2013

Dust in the Wind

Kansas, a banda formada en 1970 por Kerry Livgren, Dave Hope e Phil Ehart, inmortalizou o seu nome nunha desas cancións que non tardan en acadar o estatus de clásicas. Esa canción que lle deu o pase ó estrelato é "Dust in the Wind", incluída no disco Point of Know Return (1978). Malia que a temática da que trata está nas orixes da escrita e sérvese do trillado tópico do tempus fugit, a canción asinada por Livgren combina unha letra de contido universal cunha melodía verdadeiramente bela que afonda perfectamente no sentimento meláncolico que transmite. Repetida en varios anuncios publicitarios e protagonista na banda sonora dalgunhas películas, "Dust in the Wind" sempre será unha canción recoñecible durante moitas xeracións.

http://youtu.be/_wp4O7v5320

E que dicir das versións se fixeron? Algunhas certamente boas, aínda que non tan sublimes coma a orixinal. Imos ver algunhas das máis curiosas. A primeira, a de Snow no álbum Cooler Conditions (1999). O artista canadiano titulouna "Hard Life".

http://youtu.be/14P3mp61wNQ

Dese mesmo ano é tamén a excelente versión de Eric Benet en clave R&B. Pertence ó disco A Day in the Life.

http://youtu.be/l6fgt5eNLQE

O ano 1999 mostrouse prolífico en presenza da canción de Kansas. Jordan Knight colleu o comezo da letra, así como parte da melodía para a súa canción "Close My Eyes". Está incluída no disco epónimo do ex integrante de New Kids on the Block.

http://youtu.be/RPh_Bq0e1Dc

En castelán atopamos a versión de Mägo de Oz. Co título de "Pensando en ti" xa deixa ás claras que a letra non é unha adaptación da orixinal, pero quedoulles ben. Apareceu por primeira vez no álbum en directo Fölktergeist (2002) e no DVD A Costa da Rock do ano seguinte, tamén en directo. Despois gravárona no estudio para a cara B do single "El que quiera entender que entienda", un dos que lanzaron para promocionar A Costa da Rock.

http://youtu.be/oxpPTOgEL90

Logo tamén hai críticos que sinalan que Keane empregou algún riff de "Dust in the Wind" para o tema "Everybody's Changing", un dos singles extraídos de Hopes and Fears (2004). Na nosa opinión, non atopamos similitudes evidentes que relacionen ámbalas dúas cancións, pero déixamola aí.

http://youtu.be/5KiuXwYMqOI

Ningún comentario:

Publicar un comentario