mércores, 18 de setembro de 2013

Honky Tonk Blues

Na variedade de xéneros que conflúen no rock ata o punto de que este se constitúa como un xénero propio teñen moito que ver o country e o blues. Neste caso a figura de Hank Williams vólvese imprescindible para entende-la evolución que o rock foi experimentando dende os primeiros compases de finais dos anos 40. Hank Williams, cuxa carreira musical comeza nos últimos anos dos anos 30 deixou para a posterioridade toda unha serie de éxitos de música country elevados á categoria de clásicos. Pero ademais diso, Hank Williams desenvolveu ó son country nunha nova variedade que se coñece popularmente como "Honky Tonk", que eran os locais -unha especie de tabernas dos estados sureños- onde se puña música country. É aí Williams revelouse como un auténtico mestre. "Honky Tonk Blues", unha das súas primeiras composicións, inaugura este novo subxénero do country que, como veremos, tivo unha vixencia no rock ata ben entrados os anos 60.


Johnny Horton, en 1956, foi dos primeiros en recolle-lo legado de Hank Williams con ese son. O título da súa canción "Honky Tonk Man" non deixa lugar a dúbidas.


Un dos grandes admiradores de Hank Williams foi Johnny Cash. O gran artista de Arkansas deixou patente a importancia da música de Williams en 1960 ó publicar un disco de versións titulado Sings Hank Williams. Ese foi o primeiro álbum que sacou ese ano Cash ó que seguirían dous máis. No último dese ano Now, There Was a Song! hai unha nova versión do popular tema de Williams "I'm So Lonesome I Could Cry", mais a canción que pecha o disco "Honky Tonk Girl" é un aceno ó son Honky Tonk e segue a liña emprendida por Horton.


Mais aínda habería novas cancións country que recorren ó Honky Tonk no título. A mais coñecida é, sen dúbida, a dos Rolling Stones "Honky Tonk Women" en 1969. Malia que Jagger e Richards reiteran na idea orixinal, o son mostra xa unha evolución considerable que a afasta das anteriores cancións "Honky Tonk". Outra cousa curiosa relacionada con esta canción é a acusación de Ry Cooder segundo o cal Richards lle roubou o riff de guitarra da canción.


Ese mesmo ano, no disco dos Stones Let It Bleed aparecía unha versión de "Honky Tonk Women" cun son máis clásico, máis achegado ó country, titulado "Country Honk".

Ningún comentario:

Publicar un comentario