xoves, 26 de setembro de 2013

Papa Was a Rollin' Stone

All Directions  (1972) é un dos discos máis breves de The Temptations. Consta só de oito cancións, pero iso non foi impedimento para que unha das bandas emblema do selo Motown nos ofrecese un dos seus traballos máis celebrados. Nel destaca a canción que foi elixida como terceiro single, quizais a mellor canción dos Temptations xunto con "My Girl". "Papa Was a Rollin' Stone" xustifica por si soa toda a andaina de The Temptations, pois a súa mestura de soul e psicodelia é unha das mellores creacións de Norman Whitfield e o seu inseparable Barrett Strong, que antes de darlla a The Temptations, probárona no acto da Tamla Motown The Undisputed Truth, en 1971. Esta é a orixinal.

http://youtu.be/2s6W4FR39qQ

Para a versión de The Temptations, Norman Whitfield fixo algúns cambios, o máis importante o que afecta á duración, xa que finalmente quedou en algo máis de doce minutos. E iso que a comezos dos 70 aínda non se estendera o formato maxi-single, tan habitual unha década máis tarde.

http://youtu.be/Hcqs5z0yEl4

A influencia desta canción está presente en case tódolos artistas que facían música disco e funk nos anos 70, desde os Jackson 5 a Donna Summer, pero a súa estela transcendeu a era dourada das discotecas. Imos quedar cunha de M People que remite a algúns dos sons da canción de Whitfield, sobre todo o saxo. "Moving On Up" pertence a Elegant Slumming, o disco de 1993.

http://youtu.be/TSnCtZ3zDnI

Ningún comentario:

Publicar un comentario