Entre os últimos anos dos 60 e os primeiros dos 70 moi poucos artistas non volveron a ollada cara a guerra de Vietnam e denunciaron esta situación nalgunha das súas letras. Creedence Clearwater Revival non foron alleos ó mundo no que vivían, e contribuíron con "Run Through the Jungle" para protestar contra o conflito. Este tema está incluído nun dos discos máis emblemáticos da banda dos irmáns Fogerty, nin máis nin menos que en Cosmo's Factory (1970).
Das versións máis rechamantes desta canción de Creedence (que non a mellor), destaca a de 8 Eyed Spy, un grupo de Nova York de comezos dos 80 que apenas tivo un longo recorrido. De feito só publicaron un só disco, co nome da banda en 1981.
Mais se é verdade que a maioría das versións de "Run Trough the Jungle" se fixeron a finais dos anos 70, en 1985 habería de chega-la polémica da man do propio John Fogerty coa súa canción "The Old Man Down the Road" do disco Centerfield que o líder de Creedence Clearwater Revival publicou en solitario, cando xa a banda era un recordo. As semellanzas entre a canción de Creedence e a de Fogerty fixo que o antigo propietario da discográfica Fantasy, que posuía os dereitos da Creedence, acusara a Fogerty de plaxio. Un incidente máis que se engadía o conflito entre Fantasy e Fogerty, xa que, paradoxalmente, o principal autor dos éxitos de Creedence non podía interpretar as súas vellas cancións porque a súa antiga discográfica lle arrebatara os dereitos. Por desgraza, o mundo da música está sementado de episodios semellantes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario