Amosando publicacións coa etiqueta prince. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta prince. Amosar todas as publicacións

xoves, 18 de xuño de 2015

Betcha by Golly, Wow

No debut epónimo de The Stylistics atopamos dúas grandes cancións, coma "Stop, Look, Listen (To Your Heart)" e "Betcha by Golly, Wood", do que nos ocupamos hoxe. Ó igual que a meirande parte das cancións do álbum, "Betcha by Golly Wood" compúxoa o produtor do álbum Thom Bell e a compositora Linda Creed, os cales formaron un magnífico equipo do que saíron importantes cancións de soul da época e un dos grupos máis beneficiados por eles foron The Stylistics. Porén,  Bell e Creed ofrecéronlle primeiro esta canción a Connie Stevens, quen a gravou en 1970 co título "Keep Growing Strong" sen demasiado éxito.


Un ano despois, en 1971, mentres The Stylistics preparaban o álbum co que ían debutar, o produtor ofrecéullela cun novo título, "Betcha by Golly, Wow", e sería nas voces deste grupo de Filadelfía como a canción triunfaría e o título orixinal caeu no esquecemento, pois tódalas versións posteriores que se gravaron partiron da The Stylistics.


O tema tivo unha segunda xuventude na voz de Prince décadas máis tarde. Pertence ó album Emancipation (1996) e é a versión máis famosa de "Betcha by Golly, Wow".


Mariah Carey tomou varios elementos da canción para o seu tema "Stay the Night", do álbum The Emancipation of Mimi (2005).

martes, 10 de marzo de 2015

Faithfully

Posiblemente na actualidade a música de Journey non resulte das máis coñecidas de entre as numerosas bandas de hard rock dos setenta e dos oitenta, pero como lles ten pasado a outros rockeiros antes, a súa maior herdanza é unha balada, desas que perviven durante décadas. No caso de Journey, o mérito débese a "Faithfully", unha das cancións de Frontiers (1983), o oitavo álbum da banda de San Francisco. Descontando o número de versións que se realizaron, que son unhas cantas, "Faithfully" está detrás das orixes de dúas grandes baladas rock desa mesma década, pero a diferenza do que adoita ser habitual por norma xeral, os dous autores deses temas eran conscientes da influencia que exercía a canción de Journey e, posiblemente por iso, esas dúas cancións non se acaban parecendo gran cousa a "Faithfully" e de feito entre elas, como imos ver, nin sequera gardan ningún tipo de semellanza. En realidade o único que teñen en común as tres é que son unhas excelentes baladas de comezos dos oitenta.


Cando Journey se embarcou na xira de presentación de Frontiers levaron de teloneiro a un novísimo Bryan Adams, que daquela aínda non acadara a sona da que gozaría uns anos máis tarde. Precisamente a popularidade de Adams disparouse coa balada "Heaven", composta durante a xira de Journey, e o canadense sempre indicou que "Faithfully" lle serviu de inspiración. Steve Smith, o batería de Journey, participou na gravación. "Heaven" formou parte da banda sonora de A Night in Heaven (1984) antes de incluírse no álbum de Bryan Adams Reckless (1984).


Da mesma época é a gran canción de Prince "Purple Rain", que lledá título á película e o disco do artista de Minneapolis de 1984. Despois de gravala, Prince non estaba moi convencido e telefoneou a Jonathan Cain, membro de Journey e autor de "Faithfully", para preguntarlle se escoitara "Purple Rain" e se notaba moitas semellanzas coa canción de Journey. Cain tranquilizouno e díxolle que non había risco de plaxio. A pregunta é por que Prince non volveu ter en conta as posibles coincidencias das súas composicións posteriores con outras alleas, xa que iso lle aforraría algún desgusto como o que tivo con "The Most Beautiful Girl in the World".

venres, 26 de setembro de 2014

Tramp

A mestura de blues e soul produciu excelentes cancións durante os anos 60. Se onte lle prestabamos atención a "Green Onions", que abriu unha senda para esta mestizaxe de xéneros en 1966, hoxe imos con outra gran canción que seguiu a estela do tema de Booker T. & the M.G.'s con resultado parecido. Trátase de "Tramp", unha canción incluída nun álbum ó que lle daba nome e que supuxo un novo éxito para Lowell Fulson, un músico de blues que xa acadara prestixio con temas coma "Three O'clock Blues" e "Blue Shadows", entre outros, uns anos antes. Lowell Fulson seguiu gravando discos ata uns anos antes do seu falecemento en 1999, pero "Tramp" foi o seu derradeiro trallazo. Ningunha das cancións posteriores logrou achegarse á sona que adquirira.


"Tramp" non tardou en ser versionada e un ano despois saía de novo como single nas voces de Otis Redding e Carla Thomas, que xa estaban habituados a cantar como dúo, o que disparou a popularidade de "Tramp".


Á parte das versións, "Tramp" tamén propiciou novas cancións, entre elas, "7", unha canción de Prince no álbum Love Symbol Album (1992).

venres, 23 de maio de 2014

My Name Is Prince

Arredor de 1992, Prince debeu de pensar que non era un músico o suficientemente coñecido, e iso que foi nesa época cando lle empezou a lideira de andar cambiando sistematicamente de nome, que se Prince, que se The Symbol, que se The Artist Formely Known As Prince... Polo tanto era normal que todos aqueles seguidores que non fosen acérrimos del se perdesen un pouco. Pero a finais dese ano, xunto co seu grupo The New Power Generation, o artista nado en Minneapolis sorprendía cun novo álbum titulado Love Symbol (1992) co que se reivindicaba cunha canción que deixaba ben ás claras a súa identidade. Cun contudente "My Name Is Prince", en algo máis de seis minutos e medio, facía un orixinal repaso pola discografía comprimindo tres das súas primeiras cancións e tamén menos coñecidas, nunha nova que combina hip hop e funk a partes iguais.


A primeira delas procede do segundo disco, de título epónimo, que viu a luz en 1979. Trátase da canción "I Wanna Be Your Lover".


 A segunda, do terceiro disco, Dirty Mind (1980), é "Partyup".


E finalmente, a terceira canción que Prince escolleu para engadir a "My Name Is Prince" é "Controversy", que lle daba nome ó cuarto álbum, editado en 1981. Como se pode apreciar, as tres son cancións funk que se reflicten ben en "My Name Is Prince", cuxo estilo é o que mellor define ó gran Prince.


venres, 31 de xaneiro de 2014

If I Was Your Girlfriend

O noveno álbum de Prince Sign o' the Times (1987) confirmaba que o artista de Minneapolis era un dos máis creativos dos anos 80, pois a base de editar discos cada pouco máis de dous anos de marxe, non caía no erro de repetirse e os seus traballos discográficos gozan dunha enorme calidade, e todo iso sen deixar de descubrir novos talentos, especialmente femininos, ós que protexía e lles ofrecía un apoio envexable na súa carreira. Unha das cancións que aparecen nese disco é "If I Was Your Girlfriend", unha das máis orixinais que escribiu e que xa ía aparecer no disco, Camille (1987), un dos tantos proxectos que Prince puxo en marcha, pero que neste caso,  se suspendeu ás poucas semanas de saír á luz. Aínda así, recuperouse a canción para o novo álbum e as primeiras notas son sacadas da famosa Marcha Nupcial de Mendelssohn.

http://youtu.be/8fpr5sVk4qk

"If I Was Your Friend" é unha das cancións favoritas dos artistas de hip hop. O primeiro en fixarse nela foi  o dúo Mobb Deep, que a utilizou en "Young Luv", canción do álbum Hell on Earth (1996).

http://youtu.be/ryFhjRH-vtE

Tamén tivo moita repercusión o tema de Beyoncé e o seu home Jay Z "03 Bonnie & Clyde", incluído no álbum do último, The Blueprint 2: The Gift & The Curse (2002), malia que neste caso a influencia da canción de Prince só lle afecta á letra.

http://youtu.be/7TixX84eSCA

A pesar de que hai moitas cancións baseadas nesta de Prince, quizais a que lle faga máis xustiza sexa a de George Clinton "Heaven", do álbum George Clinton and His Gangsters of Love (2008).

http://youtu.be/kTmTa1cHXdo


venres, 31 de agosto de 2012

When Doves Cry

Albert Magnoli dirixiu en 1984 a película Purple Rain, un drama musical que tiña como protagonista o rock e do que él mesmo se encargou do guión xunto con William Blinn. O personaxe principal está encarnado por Prince, que tamén se compuxo a banda sonora, que suporía o sexto disco do músico de Minnesota. O álbum Purple Rain, editado baixo o nome de Prince and The Revolution é un dos máis aclamados, xa que contén auténticos himnos como a canción que lle dá título a película e "When Doves Cry", entre outras.


Das versións que se fixeron desta canción destaca de maneira significativa a de Patti Smith, que en 2002 a incluíu no seu disco recompilatorio Land (1975-2002).


"When Doves Cry" tamén foi sampleada moitas veces, sobre todo por rapeiros. Por iso sorprende que o cantante australiano Darren Hayes, ex componente de Savage Garden, incluíse o son da batería de "When Doves Cry" na súa canción "Darkness" nalgunha ocasión que a interpretaba en directo. O certo é que "Darkness", do álbum The Tension and the Spark (2004) ten un ritmo que se asemella ó tema de Prince.

martes, 31 de xaneiro de 2012

Takin' Me to Paradise

Como tantas outras veces, posiblemente a traxectoria de Raynard J. acabaría no esquecemento máis absoluto de non ser por unha canción dalgún interpréte ou banda de renome internacional que se lle pareza en exceso a un dos seus temas e todo acabe nunha demanda xudicial por posible plaxio. Isto foi en liñas xerais o que lle oconteceu a Raynard J e a súa canción "Takin' Me to Paradise", composta por Bruno Bergonzi e Michele Vicino, publicada en 1983.


A sona internacional chegoulle á esta canción grazas a Prince, que aen 1994 publicou "The Most Beautiful Girl in the World", anticipo do que sería o seu seguinte álbum The Gold Experience (1995). En 2003 comezou o proceso xudicial en Italia debido a un suposto plaxio da canción de Raynard J. e a resolución produciuse en decembro de 2007 onde se recoñecía o plaxio.

venres, 25 de febreiro de 2011

THE FAMILY - Nothing Compares 2 U - 1985 (ORIGINAL RECORDING)



Esta balada que popularizou Sinead O'Connor alá por 1990 no seu álbum I Do Not Want What I Haven't Got, compúxoa Prince para a súa propia banda The Family , que se incluíu no álbum homónimo da banda, de 1985, pero non saíu como single.

A continuación, a famosa versión de Sinead O'Connor: