Amosando publicacións coa etiqueta Jack White. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Jack White. Amosar todas as publicacións

mércores, 8 de abril de 2015

Blue Light, Red Light

Poida que o xénero do swing e as big bands vivisen o seu mellor momento durante a década dos corenta, pero a irrupción de novos estilos desde entón non os defenestrou en absoluto e sorprendentemente, de vez en cando algún que outro disco de swing consegue ser supervendas en plena voráxine pop-rock. Harry Connick Jr. foi dos poucos que se encargou de lembrarnos que o swing aínda non formaba parte do pasado musical cando en 1991 conseguiu un inesperado éxito co álbum Blue Light, Red Light, o seu oitavo traballo discográfico co que logrou varias candidaturas ós premios Grammy. A canción que lle dá título é a que abre o disco e por outra parte, é das máis representativas deste músico e actor.

http://youtu.be/DOYp185BwgQ

Recentemente, o imprevisible Jack White gravou unha excelente versión da canción "Blue Light, Red Light" na cara B do single "That Black Bat Licorice", último single do álbum Lazaretto (2014).

http://cdn3.pitchfork.com/blog/606/c739ed95.jpghttps://youtu.be/L6iKa_Jsq-U

xoves, 21 de agosto de 2014

Seven Nation Army

Jack White é hoxe un reputado músico e intérprete que aínda este mesmo ano publicou novo disco que sen dúbida aparecerá no mes de decembro cando se elaboren as listas dos mellores álbums do ano nunha posición privilexiada. Pero White, cuxa creatividade o levou a emprender unha chea de proxectos musicais ó mesmo tempo, empezou a ter certa relevancia no ámbito internacional con The White Stripes, o grupo que formou en 1997 xunto con Meg White, daquela a súa muller. No entanto, non se empezaría a falar de The White Stripes nas publicacións especializadas ata que publicaron o cuarto disco, Elephant (2003), que se estreaba con "Seven Nation Army", unha auténtica bomba polo marcado ritmo da batería, da que se encargaba Meg. A canción enseguida foi adoptada polas distintas hinchadas dos equipos de fútbol que transformaron a letra cando os seus equipos gañaban torneos importantes e aínda é habitual que a coreen nos estadios. Pero ademais de ser unha gran canción, a elaboración de "Seven Nation Army" tamén conta con algunha curiosidade.


Por exemplo, moi poucos afirmarían que a famosa melodía que permite que a canción estea aínda tan presente no mundo do deporte procede en realidade dun anaco da "Quinta Sinfonía" de Anton Bruckner, composta entre 1875 e 1876. Corresponde co tema principal da sinfonía e no fragmento que vos ofrecemos pode apreciarse a semellanza a partir do minuto tres.


Por outra parte, Jack White sempre se declarou admirador da música de Bob Seger e que a súa canción favorita é "2+2=?", de contido contra a guerra de Vietnam. Foi o single co que The Bob Seger System presentaba o seu primeiro álbum  Ramblin' Gamblin' Man (1969) e seica que algo desa canción se transmitiu a "Seven Nation Army".

xoves, 16 de xaneiro de 2014

John the Revelator

A figura do apóstolo San Xoán, tamén como coñecido nos países anglosaxóns como Xoán o Revelador por escribir o libro da Apocalipse, suscitou un dos himnos gospel máis famosos. En 1930 Blind Willie Johnson entrou nun estudio de gravación de Columbia Records para deixar constancia da beleza deste himno, que cun toque blues, ía lograr pervivir ata chegar ós nosos días como un referente para moitos artistas. 


Unha das versións que se fixeron de "John the Revelator" é a de Son House no álbum The Legendary Son House: Father of the Folk Blues (1965). Tamén en clave gospel blues coma na de Blind Willie Johnson, a de Son House é a capella. Tamén introduciu importantes modificacións na letra e na melodía, aínda que mantén a mesma estrutura, pero que fai a súa versión totalmente diferente.


Pode dicirse que moitas das cancións que se escribiron sobre o evanxelista San Xoán inspíranse indirectamente no himno de Blind Willie Johnson malia que souberon afastarse dabondo, de tal xeito que mesmo ás veces é difícil identificar a orixe. Vexamos agora algúns exemplos recentes. O álbum de debut de The White Stripes está dedicado a Son House e a influencia do seu "John the Revelator" é clara na canción "Cannon". O álbum epónimo co que The White Stripes comezaban a súa andaina publicouse en 1999.

http://youtu.be/dJbftrcn41c

Tamén a canción que Dave Matthews  escribiu con Santana "JRT", do álbum The Lilywhite Sessions (2001), garda relación con "John the Revelator".

http://youtu.be/bKk-EFUwsaA

Os seguintes que tamén se inspiraron en "John the Revelator" son os membros da banda de heavy Clutch na canción "Profits of Doom", que aparece no álbum Blast Tyrant (2004).

http://youtu.be/M3XEIOqWtnA

E xa finalmente, a canción que máis repercusión tivo nos últimos anos co título de "John the Revelator", foi a de Depeche Mode no disco Playing the Angel (2006).

http://youtu.be/752Gev1guKw



xoves, 13 de setembro de 2012

Is She Really Going Out with Him?

Un deses artistas que só se coñecen por unha soa canción é Joe Jackson, un cantautor inglés que comezou a súa carreira a comezos dos anos 70 e que coñeceu a fama grazas o seu tema "Is She Really Going Out with Him?" que aparecía no seu álbum de debut en solitario Look Sharp!, publicado en xaneiro de 1979, catro meses despois de que o single "Is She Really Going Out with Him?" puxese na boca dos críticos o nome de Joe Jackson.

http://www.goear.com/listen/6466674/is-she-really-going-out-with-him-joe-jackson

O ritmo da canción de Joe Jackson apréciase de maneira sutil en "Steady, As She Goes", o single que deu a coñecer a The Raconteurs, o novo proxecto de Jack White tras The White Stripes e que anticipaba o disco Broken Boy Soldiers (2005).

http://www.goear.com/listen/4f95a40/the-raconteurs-steady-as-she-goes

venres, 27 de xullo de 2012

Fell in Love with a Girl

A irrupción de The White Stripes no panorama musical en 1997 actualizou o son garage e moi pronto se confirmou que o seu líder Jack White era un xenio con moitas cousas que ofrecer á música. Ó lado da súa compañeira Meg, a andaina de The White Stripes púxose en marca en 1999 co seu debut homónimo e tras a boa acollida que recibiron, os seus seguintes traballos estiveron rodeados dunha gran expectación. En 2001 publicaban o seu terceiro disco White Blood Cells que contiña "Fell in Love with a Girl", unha das cancións máis lembradas do dúo.


Tan só dous anos despois, o soul vía o nacemento dunha nova estrela na voz dunha novísima Joss Stone, unha moza cuxo estilo facía lembrar os mellores momentos de Janis Joplin. O seu debut The Soul Sessions era unha brazada de versións da música soul dos anos 60 e 70, mais a sorpresa estaba na adaptación ó soul do tema de Jack White, aínda que dende unha voz feminina, polo que se convertiu en "Fell in Love with a Boy".  A nova versión está tan lograda que se mestura de xeito natural entre o resto das cancións.