Amosando publicacións coa etiqueta Enigma. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Enigma. Amosar todas as publicacións

xoves, 30 de xullo de 2015

Back to Life

No debut de Soul II Soul, Club Classsics Vol. One (1989), hai cancións tan imperecedeiras coma "Back to Life", un dos singles que levou ó estrelato a este grupo inglés, herdeiro do son que Chic iniciara varios anos antes. Xa o primeiro single do álbum "Keep on Moving" conseguira fixar a atención de crítica e público en Soul II Soul, pero o retrouso de "Back to Life" co verso "However Do You Want Me?", que lle serve de subtítulo, fixo todo o demais. "Back to Life" conquistou os primeiros postos das listas de vendas e está considerada unha das grandes cancións de R&B dos oitenta. Ó igual que en "Keep on Moving", Caron Wheeler ponlle a voz a este gran tema.


O impacto de "Back to Life" foi inmediato e o seu son non tardou moito en ser adoptado por outros artistas, especialmente do mundo do hip hop, pero tamén do ámbito do pop rock. The Beautiful South rematan a súa canción "My Book", do álbum Choke (1990) co famoso retrouso de "Back to Life".


Tamén dese mesmo ano é a canción de Enigma "Sadeness (Part I)", do álbum MCMXC a.D. (1990), que reproduce parte do son do tema de Soul II Soul .

xoves, 26 de febreiro de 2015

Dear Prudence

No sempre fantástico álbum branco de The Beatles, de 1968, é difícil quedar só cunha canción. Quizais por iso sexa un dos discos máis influíntes do cuarteto, algo que tampouco resulta unha gran novidade, pois a discografía dos Beatles é un manual de referencia desde o principio, se ben acentuouse de xeito notable cando deron un xiro psicodélico co Stg. Peppers. En calquera caso, a finais dos sesenta atopábanse nun excelente momento compositivo e non había trazas de que fose rematar pronto. Mesmo parecía que todos os problemas externos quedaban de lado no intre en que entraban nos estudios de Abbey Road para gravar; nin o tráxico final de Epstein, nin a tensión cada vez maior entre John Lennon e Paul McCartney, nin a crecente influencia de Yoko Ono... os traballos dos Beatles seguían reflectindo unha luminosidade que escurecía todo o demais. Outra das marabillosas  cancións de The White Album é "Dear Prudence", dedicada á irmá de Mia Farrow.


Siouxsie and the Banshees fixo unha das mellores versións de "Dear Prudence" que se recordan. Editárona como single independente en 1983.


Enigma tamén se inspirou no son orixinario de "Dear Prudence" para a canción "Out from the Deep", un dos temas de The Cross of Changes (1993), un dos discos máis exitosos do proxecto de Michael Cretu.

martes, 15 de abril de 2014

Tocata e Fuga en D Menor, BWV 565

Non é ningún segredo que Johann Sebastian Bach é un dos compositores clásicos favoritos de tódolos tempos e a "Tocata e Fuga en D Menor", publicada en 1833, unha das pezas imprescindibles na cultura popular contemporánea. Tanto no cine coma na música, a "Tocata e Fuga en D Menor" foi reproducida ata chegar a ser unha das pezas máis coñecidas de Bach, que en moitos casos se pode considerar un músico comodín, pola cantidade de veces que aínda hoxe se recorre a súa obra como fonte de inspiración. E todo iso sen esquecer que está concebida para un instrumento coma o órgano, que tampouco é dos que máis habitualmente se empregan hoxe na música popular.

http://youtu.be/IVJD3dL4diY

Unha das cancións máis orixinais baseadas nesta composición de Bach é a instrumental en clave rock que Jon Lord, componente de Deep Purple, titulada "Bach Onto This", no álbum en solitario deste rockeiro Before I Forget (1982).

http://youtu.be/l9OFZ9Mh7GA

Michael Cretu tamén escolleu esta peza de Bach para darlle comezo á canción "The Rivers of Belief", nun dos discos máis coñecidos de Enigma, MCMXC a.D. (1990).

http://youtu.be/Xqb18bqNtEw

Do mesmo xeito comeza a canción de Blondie "No Exit", que lle dá título ó album co que a banda de Debbie Harry volvía o panorama musical en 1999 despois de máis dunha década de silencio. Cun son entre o rock e o hip hop, Blondie contaron neste tema coa colaboración de Coolio.

http://youtu.be/ZGrK0bil4lI

Pero a música de Bach non é a  do único compositor clásico que se pode apreciar na canción de Blondie, xa que tamén hai un pequeno fragmento da coñecida peza orquestral de Edvard Grieg, " I Dovregubbens", composta para a obra de Ibsen Peer Gynt, de 1876.

http://youtu.be/uQxsyA6s90Y

Volvamos de nova á obra de Johann Sebastian Bach, que tamén inspirou a Matt Bellamy en "Plug In Baby", tema que aparece no álbum Origin of Symmetry (2001). Os acordes do comezo remiten igual que as cancións anteriores á famosa Tocata.

http://youtu.be/Vsapab5LwcY

xoves, 26 de decembro de 2013

The Eyes of Truth

Michael Cretu, o artífice de Enigma, demostrou que sabía crear auténticos cócteles musicais mesturando as máis variadas tendencias e estilos de xeito arriscado, pero cun resultado perfectamente coherente que se convertiu no selo inconfundible de Enigma. Iso de empregar cantos gregorianos con sons propios das discotecas chegou a escandalizar no seu momento, mais a ninguén se lle escapa hoxe que a contribución de Cretu é máis que positiva. "The Eyes of Truth", canción do álbum The Cross of Changes (1994), resume moi ben o labor de Enigma, ese estilo peculiar de crear algo novo a partir do xa existente. En "The Eyes of Truth" conflúen unha variedade de samples dos máis diversos estilos que a converten nunha amálgama única, e todo concentrado en apenas algo máis de cinco minutos.


Un dos samples que Cretu empregou pertence ó tema de Vangelis "Mare Tranquilitatis", do álbum  Albedo 0.39 (1976). Unha forma de homenaxear a un dos pioneiros da música electrónica e experimental do que Cretu tanto aprendeu.


Mais as influencias que inspiran o tema de Enigma son  practicamente coétaneas do álbum The Cross of Changes e pertencen a cancións que se editaran pouco tempo antes. O disco de Anne Dudley e Jaz Coleman  Songs from the Victorious City (1991) foi decisivo para a composición de "The Eyes of Truth", como ben reflicte "Endless Festival".


Por outra parte, cómpre sinala-la influencia dos últimos traballos de  Genesis e de Peter Gabriel nesta canción . En "Eyes of Truth" atopamos un rastro directo do tema de Genesis "Dreaming  While You Sleep", do álbum We Can't Dance (1991).


Tamén resulta curioso o leve parecido da canción de Peter Gabriel "Kiss That Frog" do álbum Us (1992) co tema anterior dos seus ex compañeiros de Genesis, e de certa maneira, Cretu soubo aproveitalo.


E tamén de xeito moi directo está presente U2 con"Ultraviolet (Light My Way)", pertencente ó gran álbum Achtung Baby (1991). Ese traballo foi o mellor dese ano, e tendo en conta a cantidade de temas que Cretu emprega do ano 1991, resultaría raro que se lle pasase desapercibido a Cretu.


E dando unha volta máis, "Ultraviolet (Light My Way)" lembra moitísimo no retrouso á canción de The Rolling Stones "Out of Time", pertencente a  Aftermath (1966). Seguro que Cretu non recorreu a ningún tema dos Stones precisamente porque xa se atopaban ecos dun deles na canción de U2.



luns, 4 de novembro de 2013

The Wizard

O mundo mítico creado por Tolkien na súa obra literaria "O Señor dos Aneis" (The Lord of the Rings) inspirou tanto películas, novas narracións coma composicións musicais de tódolos estilos posibles. A figura dun dos personaxes centrais, o mago Gandalf, centra a temática de "The Wizard", a canción que Black Sabbath editou no álbum epónimo da banda en 1970. O disco de debut da banda de heavy métal liderada por Ozzy Osbourne xira en torno a algúns dos elementos que chegaron a caracterizar a este tipo de bandas: a  preferencia polo ocultismo, a maxia negra, o culto ó demo, etc. En definitiva, asentou as bases dunha temática que se habería converter na favorita de moitas outras bandas que sempre tiveron como espello a Black Sabbath.
Os rapeiros de Cypress Hill samplearon este clásico de Black Sabbath na canción "We Ain't Going Out Like That" no álbum Black Sunday (1993), un dos dous samples de Black Sabbath que aparecen nese disco.
http://youtu.be/dwTv1VXTb6M

Tamén do ano 1993 é a canción de Enigma "I Love You... I'll Kill You", pertencente a The Cross of Changes, que reproduce o son da harmónica de "The Wizard"e tamén recolle a influencia de Genesis, como ben ocorre con outras cancións de Enigma.

http://youtu.be/3gzeY9dehO8

mércores, 24 de xullo de 2013

Funky Drummer

Case non hai canción de James Brown que non sexa a nai dunha serie de novos temas inspirados nas notas, nas melodías ou nos riffs saídos da mente do brillante rei do funk. "Funky Drummer" é talvez unha desas cancións que mellor representen ese fenómeno que non adoita acontencer con tódolos artistas do tamaño de James Brown. Editado como single en 1970, habería que esperar a 1986 para velo recollido no recompilatorio In Jungle Groove, "Funky Drummer" está na orixe dalgunhas das cancións que vos ofrecemos hoxe e mesmo se podería dicir que lle saíron netos.


Dúas das últimos cancións que apareceron a raíz do tema de James Brown son os seguintes: "Instrumental nº 2 " de My Bloody Valentine do EP  1988-1990 da banda que sacaron en 2012.


O seguinte é o de Sinéad O'Connor "I Am Stretched on Your Grave" no álbum  I Do Not Want What I Haven't Got que a irlandesa publicou en 1990.


Pero onde de verdade tivo relevancia esta canción de James Brown foi no mundo do hip hop. Concretamente Public Enemy recorreu a el nalgunhas ocasións, pero imos quedar con "Security of the First World" incluída no disco It Takes a Nation of Million to Hold Us Back (1988).


E é que esta canción de Public Enemy está na base dun dos grandes éxitos de Madonna. "Justify My Love", que aparecía no recompilatorio The Immaculate Collection (1990), producido entre outros, por Lenny Kravitz.


E por se fose pouco, a canción de Madonna serviu de sample para outras. A influencia desta canción é significativa no tema de Enigma "Mea Culpa (Part II)" do exitoso disco MCMXC a. D. (1990).


martes, 12 de febreiro de 2013

When the Levee Breaks

Hai certas cancións que se poden considerar verdadeiros xermolos doutras que, con posterioridade, son moito máis recoñecidas, pero sen esas notas ou eses acordes da canción primitiva apenas chegarían a ser o que son. Xa temos visto aquí algúns exemplos e hoxe imos ver un máis. "When the Levee Breaks" é un blues de 1929, un mais da época, creado polo matrimonio Joe McCoy e Memphis Minnie.


A repercusión desta canción chegaría da man da versión que en 1971 farían os sempre presentes rapaces de Led Zeppelin. John Bonham, o batería da banda, imprimiulle un son que, aparte das demais versións que se fixeron a partir desta, serviría de sample para moitas outras cancións que, nalgúns casos, non gardan nin sequera unha pequena relación co xénero do blues nin do rock. Está incluída no disco Led Zeppelin IV.


Pois deixando de lado con pesar as versións de "When the Levee Breaks", algunhas tan boas como a de Perfect Circle, imos quedar con algunhas das cancións baseadas nese son de batería da versión inconfundible de Led Zeppelin, aínda que non imos incluír a de Neneh Cherry, que veremos noutra entrada. Empezamos entón coa do proxecto de Michael Cretu, Enigma, tamén empregou o mesmo son para o seu gran éxito dese anos "Return to Innocence", no álbum The Cross of Changes, algo que repeterían en 1999 coa canción "Gravity of Love".


De 1994 tamén é a canción de Mike Oldfield "Magellan", do álbum The Songs of Distant Earth sen renunciar o toque celta tan característico da música deste compositor. 


Björk tamén se basea na versión de Led Zeppelin en "Army of Me", do disco Post (1995). Por suposto, a lista destas cancións é moitísimo máis ampla, mais estes exemplos son algúns dos máis interesantes.