Amosando publicacións coa etiqueta Smashing Pumpkins. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Smashing Pumpkins. Amosar todas as publicacións

mércores, 3 de setembro de 2014

Tonight, Tonight

Mellon Collie and the Infinite Sadness (1995) consagrou definitivamente a The Smashing Pumpkins como unha das mellores bandas de rock dos 90. O rock que impregna a súas cancións emparéntase co grunge que se estaba a desenvolver na época, xa que cada acorde reflicte a mesma actitude que volvera situar o rock americano en primeira liña. Pero este terceiro disco do grupo liderado por Billy Corgan é moito máis variado do que se poida pensar nun primeiro momento. Entre as excelentes cancións que o compoñen hai unha que sobresae, non só pola súa beleza senón tamén debido á instrumentación, sorprendentemente distinta ás demais cancións, pois nela participa a orquestra sinfónica de Chicago, que lle dá un toque clásico e solemne que non se atopa no resto do álbum. "Tonight, Tonight" escolleuse como terceiro single e o videoclip é unha homenaxe ós comezos do cine.


 En 2010 Passion Pit fixo unha estupenda versión de "Tonight, Tonight" en clave electropop, que ata se pode cualificar de elegante. Está recollida en Pioneer Sessions 2010 Revival Recordings.

mércores, 2 de abril de 2014

Suffer

A comezos de 1991 Butch Vig facíase cargo da produción do primeiro disco dunha banda de Chicago que habería de ser das máis importantes da década, The Smashing Pumpkins. Ó seu carón, participando tamén como co-produtor nos labores de gravación, o líder da banda Billy Corgan daba mostras xa do seu talento introducindo ideas innovadoras que ían achegar o son dos incipientes Smashing Pumpkins ó das grandes bandas dos 70 e 80, un estilo que os diferenciaba claramente do que estaban a facer os outros grupos de rock alternativo do momento que traballaban con Butch Vig. Na primavera dese ano aparecía nas tendas de discos Gish, ópera prima da banda de Corgan, cunha colección de cancións que presaxiaba toda a potencia que ía adquirir o son de The Smashing Pumpkins nos seguintes discos e que os transformarían en banda de culto. "Suffer" non saíu como single, pero é unha das principais cancións do disco.


No álbum de debut de Tricky, Maxinquaye (1995), aparece unha canción baseada en "Suffer". Trátase de "Pumpkin", na que o cantante inglés conta coa colaboración de Alison Goldfrapp. Un tema sensual de trip-hop que non renuncia en absoluto á esencia da canción da que bebe.

venres, 28 de setembro de 2012

Bullet with Butterfly Wings

Mellon Collie and the Infinite Sadness, o terceiro álbum de Smashing Pumpinks, é a culminación dun proceso de creación que Billy Corgan comezara a forxar dende o anterior disco Siamese Dream (1993). Publicado en 1995, o single promocional deste traballo é "Bullet with Butterfly Wings", cun son potente que consegue que sexa unha das cancións inesquecibles dun dos mellores discos editados na década de 1990.


Das versións deste tema, quizais o máis sorprendente sexa a da cantautora sueca Frida Snell, que no seu disco de debut Black Trillium (2002) converteu "Bullet with Butterfly Wings" nunha fermosa balada, que contrasta bastante co son das guitarras eléctricas da versión orixinal.

http://youtu.be/HQeTaX6Xawg

venres, 15 de xuño de 2012

Today

Agora que The Smashing Pumpinks están a punto de publicar un novo álbum Oceania que promete estar á altura do sensacional Mellon Collie and the Infinite Sadness (1995), o mellor traballo da banda de Billy Corgan, non estaría de máis volver á vista a un dos discos que marcaron o camiño dese traballo e facían ver que The Smashing Pumpkins ían ser unha banda que sobreviviría á era do grunge. Siamese Dream (1993) volveuse co tempo nun disco imprescindible na carreira de Corgan, que contiñan cancións tan boas como "Today".


As principais versións que se fixeron desta canción son de grupos que as gravaron para os distintos tributos que se lle renderon a The Smashing Pumpkins, como por exemplo a de Armor for Sleep para The Killer in You: A Tribute to Smashing Pumpkins. 


Tamén destaca a versión de Solomon Burke Jr. que a envolveu co estilo soul propio da súa familia e cun aire que parece extraído da Motown. Pero The Smashing Pumpkins tamén se converteron nun grupo de referencia para Dragon Ash, unha banda xaponesa de hip-hop, que sampleou "Today" no seu tema "Grateful Days" no seu disco Viva La Revolución (1999).

  http://youtu.be/aWiNbA8HJVc