mércores, 2 de abril de 2014

Suffer

A comezos de 1991 Butch Vig facíase cargo da produción do primeiro disco dunha banda de Chicago que habería de ser das máis importantes da década, The Smashing Pumpkins. Ó seu carón, participando tamén como co-produtor nos labores de gravación, o líder da banda Billy Corgan daba mostras xa do seu talento introducindo ideas innovadoras que ían achegar o son dos incipientes Smashing Pumpkins ó das grandes bandas dos 70 e 80, un estilo que os diferenciaba claramente do que estaban a facer os outros grupos de rock alternativo do momento que traballaban con Butch Vig. Na primavera dese ano aparecía nas tendas de discos Gish, ópera prima da banda de Corgan, cunha colección de cancións que presaxiaba toda a potencia que ía adquirir o son de The Smashing Pumpkins nos seguintes discos e que os transformarían en banda de culto. "Suffer" non saíu como single, pero é unha das principais cancións do disco.


No álbum de debut de Tricky, Maxinquaye (1995), aparece unha canción baseada en "Suffer". Trátase de "Pumpkin", na que o cantante inglés conta coa colaboración de Alison Goldfrapp. Un tema sensual de trip-hop que non renuncia en absoluto á esencia da canción da que bebe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario