mércores, 9 de abril de 2014

Rebellion (Lies)

A gravación do primeiro disco de Arcade Fire está marcado polas sucesivas noticias luctuosas que afectaron os membros, de aí que leve o título de Funeral (2004). Pero o debut dos canadenses, lonxe do que pode suxerir tan aciago título, contén algunhas composicións luminosas mesturadas convenientemente cun ton épico que evita transmitir unha sensación de resignación ante a perda. "Rebellion (Lies)", noveno corte de Funeral, encaixa perfectamente nesta definición do álbum, pois é unha das cancións con máis personalidade dese traballo. De feito, foi o cuarto single extraído, pero o primeiro co que o nome de Arcade Fire comezou a callar nas publicacións de música independente de todo o planeta. O cumio acadaríano co seguinte single, "Wake Up", a canción que situou a Arcade Fire como unha banda á que non lle habería que perder a pista nos vindeiros anos.


A verdade é que Arcade Fire foise convertindo en algo menos dunha década como unha das bandas máis influentes, mesmo para artistas máis encamiñados cara a unha liña máis mainstream. A mellor proba diso viuse na canción da australiana Delta Goodrem "Sitting on Top of the World", single pertencente ó álbum Child of the Universe (2012). A base desa canción ten un son reminiscente da de Arcade Fire.

Ningún comentario:

Publicar un comentario