martes, 29 de abril de 2014

Trans Europa Express

Á vangarda da música electrónica xa dende a súa fundación, os alemáns de Kraftwerk eran xa unha referencia de peso cando en 1977 publicaron o sexto disco Trans Europa Express, que na actualidade se considera un dos traballos discográficos imprescindibles para entender a evolución da electrónica no mundo da música, así como a importante influencia que exerceu nos máis grupos e artistas das máis diversas tendencias e que teñen a Kraftwerk como auténticos mestres na súa traxectoria. A canción que lle dá título ó disco foi elixida como single de presentación e leva a sinatura de Ralf Hütter na parte musical e de Florian Schneider nas letras, que falan do encontro dos membros de Kraftwerk con David Bowie e con Iggy Pop en Berlín e da admiración mutua que sentían entre eles.

http://youtu.be/XMVokT5e0zs

"Trans Europa Express" encóntrase na base do tema máis famoso de Afrika Bambaataa & The Soulsonic Force, "Planet Rock", pertencente ó álbum Planet Rock: The Album (1982). Deixando de lado que é un calco da canción de Kraftwerk, "Planet Rock" logrou converterse nunha das grandes cancións do electro hip hop, estilo moi en boga a comezos dos 80, á parte de que tamén incorpora unha parte da canción de Babe Ruth "The Mexican", que xa veremos noutra ocasión, e apréciase a influencia da música de Ennio Morricone.

http://youtu.be/9lDCYjb8RHk

E un dos grupos de música electrónica máis influenciados polo son de Kraftwerk é LCD Soundsystem. O proxecto de James Murphy é dos punteiros dun estilo que cada vez conta con máis adeptos. No álbum epónimo co que debutaban en 2002 atópase a canción "Losing My Edge", que remata cos versos finais de "Planet Rock", co que Murphy demostra o seu coñecemento non só da música de Kraftwerk senón tamén do rastro que foi deixando.

http://youtu.be/6xG4oFny2Pk

A crítica tamén sostén que na elaboración de "Losing My Edge" tamén foi decisivo o tema de Killing Joke "Change", que aparece no álbum éponimo que a banda de Jaz Coleman publicou en 1980.

http://youtu.be/t166M5ESVNk

Ningún comentario:

Publicar un comentario