Amosando publicacións coa etiqueta Los Salvajes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Los Salvajes. Amosar todas as publicacións

martes, 22 de setembro de 2015

A Whiter Shade of Pale

As primeiras faíscas de rock sinfónico e de rock progresivo prenderon na música co debut de Procol Harum, unha banda inglesa cuxo primeiro álbum, na versión americana, contén a fenomenal "A Whiter Shade of Pale", unha canción que non tardou en ser declarada como unha das mellores da historia. A perfecta combinación dun rock suave xunto con sons sacados da música clásica conferírenlle á melodía unha elegancia que en plena era psicodélica era moi difícil de atopar. Non obstante, a gran creación de Procol Harum, ( ningunha das súas cancións posteriores chegou a producir os mesmos efecto ca esta), débelle moito á música de Bach, que, como xa temos comentado algunha vez, é o compositor clásic favorito da música moderna, pero ata o momento ninguén o soubo trasladar ós novos xéneros tan ben como Procol  Harum.


Na elaboración de "A Whiter Shade of Pale" interveñen tres obras de Johann Sebastian Bach, segundo boa parte da crítica, que en ningún caso dubida da contribución do compositor alemán á canción de Procol Harum. Sinálanse as seguintes pezas:



A primeira é "Air on the G Srting", da que volveremos a falar máis adiante: https://youtu.be/U7RYSQvrUrc
"Sleepers Awake": https://youtu.be/9sd9gOhjv3o

Pero hai quen tamén apunta que en "A Whiter Shade of Pale" tamén se aprecia a influencia da canciónde Percy Sledge "When a Man Loves a Woman", canción que saíu como single en 1966, malia que máis ben habería que falar novamente da sombra de Bach, esta vez planeando sobre esta canción de Sledge.

https://youtu.be/7lp7FtJXp7k

En España versionouse sucesivamente a canción de Procol Harum co título traducido. Unha das maáis coñecidas é a de Los Salvajes "Con su blanca palidez"

https://youtu.be/J-kutAtCWyo

Pero a transcendencia da canción de Procol Harum tivo o seu reflexo na canción de Serge Gainsbourg "Je t'aime... moi non plus" que interpreta xunto con Jane Birkin no álbum conxunto que ambos gravaron en 1969. Á famosa canción subidiña de ton, que non deixaba indiferente a ningúen, tamén se lle criticou o seu máis que parecido con "AWhiter Shade of Pale" e Gainsbourg sempre se defendeu sinalando que Procol Harum copiaran a Bach.


Á parte das numerosas versión de "Je t'aime... moi non plus", Texas tomou algúns d elementos para "Guitar Song", canción que aparece no compilatorio da banda escocesa The Greatest Hits (2001).


Se aínda non vos perdestes, volvemos a "Air on the G Sting" de Bach, que como diciamos, é un filón na música contemporánea. De feito, o maior éxito de Sweetbox, "Everything's Gonna Alright", do álbum epónimo de 1997, basea a melodía na da peza de Bach.

xoves, 6 de agosto de 2015

Keep on Running

Malia que a discografía de Jackie Edwards está algo esquecida, nela destaca o single que publicou en 1965 titulado "Keep on Running", un tema que se move entre o soul e o reggae, o xénero por excelencia de Xamaica, de onde era orixinario Edwards.O certo é que no momento da publicación, do mesmo modo que xa ocorrera con outros singles non levantou moita expectación, ó igual que o resto do álbum no que se incluía, Come on Home (1965). Isto non desanimou a Island, a discográfica inglesa especializada en dar a coñecer a música de Xamaica, a seguir apostando pola música de Jackie Edwards.


Chris Blackwell, o xefazo de Island, viulle un enorme potencial á canción de Jackie Edwards e ofreceulla a The Spencer Davis Group, quen a gravaría baixo a produción do propio Blackwell aquel mesmo ano de 1965. O éxito que Edwards non acadara ó interpretala el mesmo, conseguiuno The Spencer Davis Group aupándose no número un da lista inglesa. Foi tal a sona acadada, que moitos pensan que a de The Spencer Davis Group é a versión orixinal de "Keep on Running".


En España, esta canción tivo certo éxito coa adaptación ó castelán que fixeron Los Salvajes en 1966 co título "Corre Corre".

xoves, 22 de xaneiro de 2015

Paint It Black

The Rolling Stones comezaron a diferenciarse do resto das grandes bandas británicas dos sesenta con Aftermath (1966), un álbum que os puña nun nivel superior, case á mesma altura que os fabulosos de Liverpool, e iso non era doado, pois a enorme calidade da música daquelas bandas marcaron a historia do rock. Pero xusto nese fantástico ano de 1966 parecía que Mick Jagger e Keith Richards estivesen tocados por unha variña máxica, ó igual que Brian Jones, cuxos dedos sacaban os mellores sons de calquera instrumento que tocase como o sitar, que non era moi habitual que se empregase no rock. Aínda así, os Stones recorreron a este inusual instrumento en "Paint It Black", unha da melloriñas que o tándem Jagger/Ricahrds compuxo na dilatada carreira da banda. O curioso é que "Paint It Black" só aparecía na edición americana do disco, con moitas menos cancións que a edición británica, que malia iso, careceu das dotes interpretativas de Jones co sitar nesta canción.


As versións de "Paint It Black" apareceron coma setas pouco despois e cada certo tempo é habitual atopar algunha nova. Unha das primeiras e das mellores é a de Eric Burdon & War. O cantante de The Animals gravou esta orixinal versión en clave funk coa banda californiana no álbum The Black Man's Burdon (1971).


Máis achegada ó son orixinal é a versión española que fixeron Los Salvajes poucos anos despois da publicación dos Stones co título "Todo negro".


É unha versión da de Los Salvajes foi a que fixo M-Clan no álbum en directo Sin enchufe (2001).


A última versión máis destacada foi a de Plan B en 2007, unha revisión total titulada "Paint It Blacker".