The Rolling Stones comezaron a diferenciarse do resto das grandes bandas británicas dos sesenta con Aftermath (1966), un álbum que os puña nun nivel superior, case á mesma altura que os fabulosos de Liverpool, e iso non era doado, pois a enorme calidade da música daquelas bandas marcaron a historia do rock. Pero xusto nese fantástico ano de 1966 parecía que Mick Jagger e Keith Richards estivesen tocados por unha variña máxica, ó igual que Brian Jones, cuxos dedos sacaban os mellores sons de calquera instrumento que tocase como o sitar, que non era moi habitual que se empregase no rock. Aínda así, os Stones recorreron a este inusual instrumento en "Paint It Black", unha da melloriñas que o tándem Jagger/Ricahrds compuxo na dilatada carreira da banda. O curioso é que "Paint It Black" só aparecía na edición americana do disco, con moitas menos cancións que a edición británica, que malia iso, careceu das dotes interpretativas de Jones co sitar nesta canción.
As versións de "Paint It Black" apareceron coma setas pouco despois e cada certo tempo é habitual atopar algunha nova. Unha das primeiras e das mellores é a de Eric Burdon & War. O cantante de The Animals gravou esta orixinal versión en clave funk coa banda californiana no álbum The Black Man's Burdon (1971).
Máis achegada ó son orixinal é a versión española que fixeron Los Salvajes poucos anos despois da publicación dos Stones co título "Todo negro".
É unha versión da de Los Salvajes foi a que fixo M-Clan no álbum en directo Sin enchufe (2001).
A última versión máis destacada foi a de Plan B en 2007, unha revisión total titulada "Paint It Blacker".
Ningún comentario:
Publicar un comentario