Lady Soul (1968), o álbum número catorce de Aretha Franklin, define á perfección á figura artística en que se convertera á cantante de Detroit, xa que entón para boa parte da critica Aretha era a raíña absoluta do soul, un posto que quizais só lle podería discutir Nina Simone. Coa produción de Jerry Wexler, que colaborara activamente nalgúns dos éxitos de Otis Redding, Aretha Franklin presentaba dez cancións nas que estaba incluída algunha sorpresa como unha versión de "People Get Ready", un dos maiores éxitos de Curtis Mayfield. Antes da publicación do álbum en xaneiro de 1968, editáronse dous singles; o primeiro foi "(You Make Me Feel Like) a Natural Woman", un tema de Carole King, Gerry Goffin e o propio Jerry Wexler; o segundo foi "Chain of Fools", unha das cancións imprescindibles de Aretha e a que hoxe nos dedicamos. Con ela abrése Lady Soul e conta coa participación de Joe South nas guitarras. O autor é o cantautor Don Covay, que lle cedeu a Aretha unha canción inmortal.
"Chain of Fools" ten un inmenso número de versións francamente boas, pero imos quedar coa adaptación que o ex líder de Golpes Bajos e antigo membro de Siniestro Total, Germán Coppini, fixo no seu segundo álbum en solitario Flechas negras (1989). Coppini cambioulle totalmente a letra, pero coa melodía de "Chain of Fools" compuxo "Barbazul", un dos temas máis recordados xunto con "Alien divino".
Ningún comentario:
Publicar un comentario