xoves, 29 de xaneiro de 2015

Wonderful Land

Coma se lle encargasen a banda sonora dunha película do Oeste, The Shadows editaba en 1962 "Wonderful Land", un single cun son que evocaba o cine de indios e de vaqueiros, tan de moda naqueles anos. O tema, totalmente instrumental, afondaba unha vez máis no gusto de Jerry Lordan por esta temática, xa que dous anos antes compuxera tamén para The Shadows "Apache", outra canción intrumental cuxo título indica perfectamente o contido. Mais se alguén puidese pensar que a aposta de The Shadows por outro single que reiteraba un estilo de música que xa probaran antes era un erro, cómpre indicarlle que non leva razón, pois "Wonderful Land" acadou sen grandes dificultades o primeiro posto das listas británicas.


Mike Oldfield gravou unha das versións máis coñecidas en QE2 (1980), prescindindo para a ocasión dese son western propio da orixinal e introducindo unha guitarra eléctrica, co que lle dá unha dimensión nova ó tema de The Shadows.


Non obstante, a versión que fixeron conxuntamente Hank Marvin e Mark Knopfler no ano 1993 achégase bastante máis á orixinal que a de Mike Oldfield. Pertence a Heartbeat (1993), un álbum producido por Jeff Lynne, alma máter da Electric Light Orchestra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario