O outro día fixámonos na influencia que a versión de "Shake Your Moneymaker" de Paul Butterfield tivo na canción de The Doors "Break On Through (On the Other Side)" e quedaramos en volver sobre este blues que pertence á lista das cincocentas cancións que formaron ó rock. A versión orixinal de "Shake Your Moneymaker" é de Elmore James, que a compuxo meses antes de gravala en 1961. Desde entón, moitos foron os artistas que fixeron versións dela, xa fose nun estudio de gravación ou nuns concertos, e algúns coma a do citado Paul Butterfield tiveron unha gran aceptación. Pero a canción de Elmore James é o resultado da variación doutros blues anteriores, que converxeron harmoniosamente en "Shake Your Moneymaker", algo por outra parte é bastante habitual no xénero do blues.
Quizais a influencia máis clara proceda do tema de Mississippi John Hurt "Got the Blues, Can't Be Satisfied" (1928), que parece ser fundamental na melodía de "Shake Your Moneymaker".
Outras voces apuntan que de xeito non tan evidente coma a canción de Mississippi John Hurt, outros temas tamén tiveron moito que ver na elaboración de "Shake Your Moneymaker". Un deles é o de Charlie Patton "Shake It and Break It" (1929).
Tamén se sinala que o de Bukka White "Shake 'Em on Down" (1937) é outro deles.
Cunha temática similar, "Roll Your Moneymaker" (1958) de Shakey Jake Harris é a última canción que puido inspirar a Elmore James para o seu tema. De feito, ata pode dicirse que son versións dunha mesma canción. No de Shakey Jake Harris participa Willie Dixon á guitarra.
Das versións de "Shake Your Moneymaker" non podemos esquecernos da que Fleetwood Mac incluíu no seu debut Fleetwood Mac (1967) cando Peter Green aínda formaba parte da banda e os derroteiros do grupo transitaban polo blues.
Ningún comentario:
Publicar un comentario