Amosando publicacións coa etiqueta Niño y Pistola. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Niño y Pistola. Amosar todas as publicacións

xoves, 5 de decembro de 2013

The Weight

Hai veces en que ser músico ó servizo dun solista consagrado parece ensombrecer o propio traballo. O mesmo se podería dicir dos chamados músicos de sesión, xente anónima contratada polas discográficas, pero excelentes profesionais que prestan o seu talento a outros que han de recibir tódolos parabéns (pero tamén críticas feroces se sae mal). Non obstante, o mundo da música ofrécenos exemplos de que se pode chegar a ser protagonista despois dun certo tempo nun papel secundario. En resumidas contas esa é a historia de The Band. O nome xenérico co que se coñece este grupo de músicos xa nolo di todo. E quen formaba The Band? Pois nin máis nin menos que os músicos que acompañaban a Bob Dylan. Houbo un momento en que Robbie Robertson e os seus compañeiros decidiron dar un paso adiante sen a sombra constante de Dylan e comezaron a gravar discos co nome precisamente de The Band. En 1968, cando Dylan aínda non volvera do seu paticular retiro, vía a luz o debut de The Band Music from Big Pink, que con todo, contaba con algunhas cancións asinadas por Bob Dylan, mais habería de ser unha de Robertson, "The Weight", a que se habería de converter das máis coñecidas de The Band.

http://youtu.be/3LAcP_v-j3I

"The Weight" é a canción máis coñecida de The Band tamén debido a enorme cantidade de versións que se fixeron deste tema. Das últimas destaca a do arxentino Charly García en castelán co nome "El Peso" e que respecta bastante ben a letra orixinal en inglés.

http://youtu.be/I5TnFchrH2E

"The Weight" tamén foi clave para Bruce Springsteen cando compuxo "My City of Ruins", pertencente a The Rising (2002), pois a melodía é practicamente a mesma. Por outra parte, nesta canción de Springsteen tamén hai un rastro da canción de The Impressions "People Get Ready", pero esa deixámola para outra ocasión.

http://youtu.be/RnkJa6HdgJw

E a influencia de "The Weight" tamén se deixa sentir nunha das cancións do último disco de Niño y Pistola There's a Man With a Gun Over There (2013) "And Then The Rain Started". A banda de Baiona mostra así unha das súas preferencias musicais decisivas na procura dun son que fan de Niño y Pistola unha das bandas de rock máis interesantes dos últimos anos no panorama nacional.

http://youtu.be/Ckb1rQgM1LE

martes, 17 de setembro de 2013

Cortez the Killer

O devir da historia da humanidade, con acontecementos que supuxeron un pulo para o  avance da civilización coa paradoxa de que unha gran maioría foron actos atroces agochan un atractivo que lles serviu a escritores e compositores de inspiración para as súas obras. A conquista de Hernán Cortés no México sometendo ó imperio azteca cunha crueldade que estremece é o tema central da canción que Neil Young gravou no seu disco Zuma (1975) e que titulou "Cortez the Killer", remarcando o carácter sanguinario do personaxe co apodo de asasino.


A carreira dos Beatles e de Neil Young, entre outros, marcou especialmente o son da banda baionesa Niño y Pistola e iso reflíctese moi ben no tema "We've Had Enough", que pecha o último traballo discográfico que publicaron: There's a Man With a Gun Over There (2013). Concretamente os acordes de "Cortez the Killer" parecen filtrarse limpamente nesta canción, a mellor que recorda ó xenial Neil oung.






martes, 24 de abril de 2012

Strawberry Fields Forever

Que se pode dicir de The Beatles que non se dixese xa? Son os máis grandes e marcaron unha revolución insuperable na música. Todo artista que se prece de selo sinala a The Beatles como referente da súa música, aínda que esta pouco teña que ver co son dos de Liverpool. De feito, non hai canción que leve a firma de The Beatles que non fose versionada en infinidade de ocasións e polos grupos e intérpretes dos máis variados estilos. John Lennon e compaña merecen un blog de seu con tódalas versións!

Mentres tanto, imos quedar cunha das súas cancións máis grandes: "Strawberry Fields Forever", que se ía incluír no lendario Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band, pero que se publicou como cara B de "Penny Lane" en 1967. Despois aparecería recollida en Magical Mystery Tour publicado en Estados Unidos ese mesmo ano. A canción está dedicada ó orfanato onde Lennon pasou parte da súa infancia, aínda que tamén hai quen afirma que fala dos campos de amorodos de Almería onde pasou unha tempada.


Agora quedamos con algunha versión. Imposible polas todas por moi boas que sexan. A primeira é de Peter Gabriel de 1976.


A versión ska que os arxentinos Los Fabulosos Cadillac fixeron en colaboración con Debbie Harry no álbum Rey Azúcar (1995).


Finalmente, deixamósvos a canción coa que Niño y Pistola homenaxean a "Strawberry Fields Forever". É a canción "She Was" do álbum Como un maldito guisante (2006), que remata cos primeiros acordes deste clásico de The Beatles.

martes, 6 de setembro de 2011

He's So Fine

A década de 1960 viviu unha eclosión de grupos musicais compostos por mulleres que co paso do tempo, fixo que se convertise nun dos sinais de identidade desa época. Xunto co éxito rotundo de The Supremes e a aposta do produtor Phil Spector por The Ronettes, hai que engadir tamén a The Chiffons, que en 1963 acadarían o primeiro posto nas listas de venda de Estados Unidos coa canción composta por Ronald Mack "He's So Fine".


En principio, alleo a este éxito, a comezos da década seguinte, o ex beatle George Harrison debutaba en solitario co seu álbum All Things Must Pass, que tiña como primeiro tema estrela "My Sweet Lord", unha das cancións máis recoñecidas de todos os tempos. Pero co que non contaba o bo de Harrison era cunha demanda de plaxio presentada pola compañía de The Chiffons, que, despois de innumerables dores de cabeza do ex beatle, rematou cunha sentenza que o obrigaba a pagar dúas terceiras partes das vendas xeradas por "My Sweet Lord" a Ronald Mack.

 http://www.goear.com/listen/113ebf2/my-sweet-lord-george-harrison

A banda de Baiona Niño y Pistola, moi influenciada polos Beatles, quixo facerlle a súa particular homenaxe a George Harrison e a "My Sweet Lord" no seu tema "I Shall Overcome", do seu álbum Culebra (2008).

 http://www.goear.com/listen/9f7b8de/i-shall-overcome-nino-y-pistola