Amosando publicacións coa etiqueta Bee Gees. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Bee Gees. Amosar todas as publicacións

mércores, 9 de decembro de 2015

Waiting for a Girl like You

Moitas das grandes baladas rock dos oitenta son obra da banda con base en Nova York Foreigner, que logrou crear escola, especialmente trala espectacular "I Want to Know What Love Is" de 1984, que varias décadas despois da súa publicación aínda segue levantando paixóns. Pero antes de que esa canción culminase a carreira de Foreigner, Mick Jones e os seus compañeiros levaban curtíndose nese tipo de baladas desde os seus  primeiros traballos discográficos, coma "Cold as Ice", que aparece no seu álbum de debut. Para o cuarto disco, 4 (1981), Foreigner incluían a canción "Waiting for a Girl Like You", que reincidía na idea de que as baladas por excelencia eran a especialidade de Foreigner.


A capacidade de Foreigner para as baladas repercutiu notablemente noutros músicos, algúns xa certamente consagrados coma Robin Gibb, que decontado se puxeron a compoñer co mesmo estilo de Foreigner, coma se a banda lograse influír indirectamente na música dos demais. Se botamos unha escoita á canción de Robin Gibb, "Another Lonely Night in New York", do álbum How Old Are You? (1984), comprobaremos que ten algún eco de Foreigner e quizais sexa "Waiting for a Girl Like You" a que máis se aproxime.

venres, 25 de setembro de 2015

Jive Talkin'

Hai uns días, cando presentamos a canción de Fleetwood Mac "Second Hand News" comentabamos que Lindsey Buckingham a ideara tras escoitar un tema de Bee Gees que indirectamente lle serviu de inspiración. Ese tema é "Jive Talkin'", single de promoción do álbum Main Course (1973). Desde había algúns anos, a música funk estaba cada vez máis presente nos álbums do grupo dos irmáns Gibb en detrimento do rock que marcou os seus comezos e o éxito de "Jive Talkin'" marcou un punto de non retorno que se habería de consagrar con Saturday Night Fever (1977). Como moitos temas funk, "Jive Talkin'" tamén recibe influencias doutros que uns anos antes lograran triunfar.


No caso de "Jive Talkin'" adóitase citar dúas cancións que seica foron imprescindibles na súa elaboración. Un deles é o de Little Sister composto por Sly Johnson "You're the One", single de 1970.


O outro é a gran canción de Shirley & Company "Shame, Shame, Shame" do álbum do mesmo título editado en 1974, do que toma algún elemento.

venres, 14 de agosto de 2015

Holiday

Aproveitando que agosto é o mes das vacacións por excelencia para a meirande parte da poboación, non vén nada mal dedicarlle uns monográficos a tan sinaladas datas e ver cómo os grupos e os cantantes en solitario reflectiron o período de descanso e ocio nas súas composicións. Velaquí unhas cantas nesta primeira entrega. Empezamos cun concepto co que todo o mundo soña, vacacións de verán, moi ben expresada na canción de Cliff Richards & The Shadows, "Summer Holiday", do álbum do mesmo título de 1963.


Aínda que hai persoas que tamén as vacacións lles supoñen certa melancolía, como ben recolle a canción de Bee Gees "Holiday", que atopamos no álbum Bee Gees' 1st (1967).


The Kinks tamén reverenciaron as vacacións en dúas das súas composicións. A primeira, "Holiday", pertence ó álbum Muswell Hillbillies (1971).


E logo haberían repetir con "Holiday Romance" no álbum conceptual Soap Opera (1975).


No único álbum de Sex Pistols, Never Mind the Bollocks, Here's the Sex Pistols (1977), está a canción "Holydays in the Sun", que polo título, tamén a podiamos incluír na serie de monográficos sobre o sol.


 Scorpions pechaban o seu sexto álbum, Lovedrive (1979), coa canción "Holiday", unha desas baladas rock que xa son seña de identidade da banda alemá.

luns, 23 de marzo de 2015

On Time

Antes de que a febre do sábado noite transformase ós Bee Gees en adalides da música disco pop, o grupo dos irmáns Gibb tiveron unha etapa hoxe case esquecida dedicada por completo ó blues e o rock, estilos que marcaron os seus comezos. Tras intentalo en Australia, onde a familia se trasaladara cando eran uns nenos, regresaron a Gran Bretaña en 1966 e o ambiente musical que se respiraba entón na alí callou rapidamente no grupo, que non tardou en relanzar unha carreira musical con algúns éxitos menores, pero cada vez máis importantes a medida que se ían asentando. Unha canción notable que finalmente non incluíron en ningún disco é "On Time", single de 1972, unha das composicións de Maurice Gibb.


Non hai moitos anos, sobre a base de "On Time", Richard Ashcroft, ex líder de The Verve, compuxo "Are You Ready?", unha canción para a banda sonora da película The Adjustment Bureau (2011).

xoves, 27 de decembro de 2012

New York Mining Disaster 1941

Habitualmente asociamos a música de Bee Gees cos ritmos discotequeiros dos 70 grazas á sona que colleron ó facer a banda sonora de "Febre do Sábado Noite", mais a banda formada polos irmáns Gibb comezaron a súa andaina a finais da década dos 50 cun pop non carente de frescura seguindo a estela dos Beatles. En 1967 publicaron o seu terceiro disco Bee Gees' 1st que contén este "New York Mining Disaster 1941".


Tan só un ano despois The Zombies editaron no seu álbum Odessey and Oracle "Butcher's Tale (Western From 1914), un dos temas máis impactantes do disco e que conta cos arranxos instrumentais de Pierre Boulez.